Coa chegada da tempada de festas populares no municipio, o Concello da Baña lembra ás persoas e asociacións interesadas en celebrar estes eventos a obrigatoriedade de presentar a documentación necesaria para tramitar os permisos correspondentes.

Entre os documentos que se deben achegar figura a declaración responsable, dispoñible na sede electrónica do Concello (sede.concellodabana.gal), no apartado de Urbanismo. As asociacións están obrigadas a realizar a xestión a través desta plataforma dixital.

Ademais, será imprescindible contar cun seguro de responsabilidade civil que cubra posibles incidentes durante o evento. No caso de empregar fogos artificiais, tamén se deberá presentar a correspondente declaración de pirotecnia.

Dende o Concello recoméndase, así mesmo, solicitar o permiso de autores se o evento inclúe música ou actividades que requiran dereitos de autor.

O alcalde da Baña, José Antonio Pereira Gil, destaca a importancia de cumprir estes requisitos para garantir a seguridade e o bo desenvolvemento dos festexos, ao tempo que anima á veciñanza e ás asociacións a seguir dinamizando a vida cultural do municipio.

Attachments:
Download this file (20250221_Bando_festexos.pdf)20250221_Bando_festexos.pdf[ ]52 kB