O 8 de marzo, Día Internacional dos Dereitos da Muller, ten como principal obxectivo eliminar toda forma de discriminación contra as mulleres, promover o seu empoderamento e conseguir a súa plena participación na sociedade.

En España temos moito feito, xa que é un referente en materia de igualdade, pero tamén nos queda moito por facer e un dato moi significativo é que xa son oito as mulleres asasinadas no que levamos de ano e 1.190 dende o ano 2003. O noso sentido recordo e homenaxe a todas elas e ás súas familias, así como a máis firme condena.

Coa tendencia actual en materia de igualdade, serían necesarias tres xeracións para conseguir que as mulleres tiveran unha presenza semellante á dos homes en todos os eidos da nosa sociedade

Por iso, dende o Concello da Baña reivindicamos a participación das mulleres e o poder de decisión de forma plena e efectiva na vida pública, a eliminación da violencia e o empoderamento de nenas e mulleres. En concreto, fixámonos nas nosas mulleres rurais e o seu papel fundamental no desenvolvemento de actuacións fronte á despoboación e ao reto demográfico. Reivindicamos así mesmo que sexan as nosas mulleres as que poidan estar á fronte da toma de decisións no ámbito municipal.

Debemos intensificar os esforzos no desenvolvemento de políticas encamiñadas a fomentar o emprego, o empoderamento e a educación para alcanzar a igualdade de oportunidades; impulsar a incorporación de perspectivas de xénero nas nosas actividades e participar, apoiar e desenvolver todas aquelas accións e iniciativas que promovan a igualdade e a eliminación da violencia de xénero contra as mulleres.