- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Desenvolvemento local
- Visitas: 1165
- Os tres alcaldes piden unha reunión con Feijóo para que se poña á fronte das reivindicacións “en defensa dos galegos”
- Inician unha recollida de sinaturas e non desbotan unha manifestación ante a sede da entidade
- A clausura das tres sucursais afecta unhas 10.000 persoas, segundo indicaron na rolda de prensa que ofreceron esta mañá
José Antonio Pereira, alcalde da Baña; Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo; e Manuel Muíño, alcalde de Zas, anunciaron esta mañá que actuarán de forma conxunta para evitar o peche de oficinas que Abanca ten previsto facer nos tres municipios o vindeiro mes de setembro e que afecta directamente dez mil persoas destes concellos e doutros limítrofes. “Imos esgotar todas as posibilidades na nosa man para lograr que reconsideren esta decisión. As medidas inclúen mobilizacións e estudar se podemos emprenderse accións legais”, subliñou Manuel Muíño, que actuou como voceiro na rolda de prensa que os tres rexedores ofreceron este mediodía en Zas.
A falta de concretar as datas nas que se levarán a cabo, Muíño expuso cales son as accións que consensuaron os tres concellos afectados polos peches. A primeira, sinalou, é unha reunión co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, “para que nos axude e se poña á fronte das reivindicacións”, posto que os tres rexedores cren que o Goberno galego é o único con capacidade para “falar de ti a ti” coa entidade financeira. Ademais, subliñou, “Feijóo é o presidente de todos os galegos, polo que debe atender a petición de defender aos nosos veciños, e ten unha responsabilidade moral dado que o Estado saneou a banca dándolle máis de 7.000 millóns de euros de todos os cidadáns”.
Outro dos acordos adoptados polos alcaldes implica reunirse co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, coa idea de convocar unha asemblea de concellos destinada a analizar a estratexia de concentración de oficinas que está levando Abanca, o que implica o abandono dos núcleos rurais.
Tamén, adiantou Muíño, intentarán establecer contactos con algún ministro do Goberno de España que teña competencias na materia e con deputados do parlamento autonómico, aos que lles pedirán “desenvolver as iniciativas políticas necesarias”. Na rolda de conversas, contemplan así mesmo reunirse con responsables de Abanca, “sempre que teñan capacidade de decisión”.
En canto ás mobilizacións, xa iniciadas coa recollida de sinaturas nos tres concellos, o alcalde de Zas anunciou que “desembocarán nunha manifestación ante a propia sede de Abanca”.
Estratexia para incrementar beneficios
Manuel Muíño incidiu en que a decisión de Abanca de pechar as oficinas da Baña, de Baíñas (Vimianzo) e de Zas o vindeiro 8 de setembro obedece só ao interese de incrementar as súas ganancias. “Non está motivada por nada que fixeramos nós nin tampouco porque dean perdas. A única fin que ten é aumentar os beneficios da entidade a costa de prexudicar directamente 10.000 persoas nestes tres concellos e noutros limítrofes”, sinalou, e lembrou que Abanca gañou no primeiro trimestre deste ano 137,4 millóns de euros, un 8,2% máis que no mesmo periodo de 2020.
“É un atentado contra o rural”, manifestou pola súa parte o alcalde da Baña, José Antonio Pereira, quen lembrou que a oficina de Abanca é a única sucursal bancaria existente no municipio. “O peche conleva deixar de facer vida no noso concello. Non só os veciños xa non van poder facer xestións, senón que é un pau tamén para o comercio que temos. Ademais, moita da nosa poboación e moi maior e o día que vai cobrar a pensión aproveita para facer compras e outros trámites. Agora vai ter que desprazarse oito quilómetros para sacar cartos”, explicou.
Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo, subliñou o feito de que Abanca non comunicara a decisión. Foron os empregados das oficinas os que empezaron a chamar aos veciños para informalos do peche. “Botamos moito de menos que non houbera comunicación e se establecera un diálogo. Súmenos na impotencia. Onde quedan o asesoramento e esa cercanía co cliente da que presumen na súa publicidade? A banca electrónica non o fai todo e hai quen non sabe manexarse coas tecnoloxías. Diminúen os horarios, pechan oficinas, botan empregados, suben comisións... trátase dun grave problema que afecta tamén outros concellos”, indicou. “Isto vai supoñer, ademais de que as persoas se vexan na obriga de desprazarse e perder tempo e cartos para acudir a unha sucursal, que as outras oficinas se vexan colapsadas. Unha situación que tamén vai afectar moi negativamente ao comercio local. Estas políticas son contrarias á necesaria dinamización do rural, non podemos permitir este desmantelamento”.
Nove peches
En total son nove as oficinas que Abanca ten previsto pechar en Galicia neste vindeiro setembro. Ás da Baña, Baíñas e Zas únense as de San Valentín (A Coruña), Campo Lameiro e Campelo (Pontevedra) San Xoán de Río, Padrenda e Quintela de Leirado (Ourense).
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Desenvolvemento local
- Visitas: 757
-
Os achegas diríxense á incorporación de traballadores por conta allea, á formación e ao emprego con apoio
-
Incentívase a ocupación de mozos, mulleres, desempregados de longa duración e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión
-
Inclúense as contratacións formalizadas entre o 1 de outubro de 2020 e o 30 de setembro de 2021
Dende mañá, 27 de xullo, e ata o 30 de setembro, estará aberto o prazo para que as empresas poidan solicitar os incentivos do Plan Galicia emprega destinadas á contratación por conta allea, á formación e ao emprego con apoio. As bases reguladoras polas cales se rexerán as axudas que favorezan a inserción laboral de persoas desempregadas na empresa ordinaria publícanse hoxe no Diario Oficial de Galicia.
As achegas do Plan Galicia emprega desenvólvense ao abeiro de dous programas diferentes. O primeiro deles, centrado na contratación por conta allea e a formación, inclúe catro tipos de axudas:
- Incentivos á contratación indefinida inicial. Para a incorporación de persoas mozas, mulleres, persoas desempregadas de longa duración e persoas con discapacidade ou risco de exclusión social.
- Incentivos á contratación temporal. Para a incorporación de persoas mozas, mulleres, persoas desempregadas de longa duración e persoas con discapacidade ou risco de exclusión social.
- Incentivos á transformación de contratos temporais en indefinidos. Só no caso de persoas mozas, mulleres e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión.
- Incentivos á formación. Dirixidos ás persoas que, grazas a esta convocatoria, foron contratadas de xeito indefinido dende o inicio ou de forma temporal.
O segundo dos programas é o de emprego con apoio, polo que preparadores laborais especializados desenvolven no posto de traballo un conxunto de actividades destinadas a orientar e acompañar as persoas traballadoras con discapacidade ou en risco de exclusion.
As solicitudes deberán presentarse ata o 30 de setembro por medios telemáticos na sede electrónica da Xunta cunha petición diferente por cada un dos dous programas. Poderán beneficiarse das achegas aquelas empresas ordinarias que fixesen contratacións entre o 1 de outubro de 2020 e o 30 de setembro de 2021.
As empresas interesadas poden solicitar máis información na Axencia de Desenvolmento Local do Concello da Baña.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Desenvolvemento local
- Visitas: 720
-
Destínanse a proxectos de captación, potabilización e almacenamento
-
Cubren o 80 por cento do investimento do proxecto
-
As solicitudes pódense presentar ata o 20 de agosto
A Xunta convoca unha nova liña de axudas dirixidas a mellorar o servizo e a calidade da auga das traídas veciñais destinando un total de 500.000 euros a instalacións de captación, potabilización e almacenamento.
Poderán subvencionarse as actuacións levadas a cabo a partir do 1 de xaneiro de 2021 e as achegas cubrirán un 80% do proxecto ata un máximo de 15.000 euros. O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto ata o 20 de agosto.
Para optar aos incentivos, as comunidades terán que estar constituídas legalmente e faranse cargo do 20% do financiamento restante, se ben estas axudas son compatibles con outras subvencións.
Dos 500.000 euros de investimento, a Xunta destinará 200.000 a financiar proxectos de comunidades de ata 50 membros e os outros 300.000 cubrirán actuacións impulsadas por asociacións veciñais máis grandes.
Este é o segundo ano en que a Xunta convoca este tipo de axudas coa fin de apoiar o importante papel das traídas veciñais no ámbito rural. A dispersión de poboación en Galicia leva a que ao redor de 600.000 persoas empreguen pequenos sistemas de abastecemento de auga propios, xa sexan veciñais ou individuais.
Pódese consultar a convocatoria no DOG premendo nesta ligazón.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Desenvolvemento local
- Visitas: 737
-
As peticións poden facerse ata o 20 de agosto no caso de pequenas empresas e ata o 30 de setembro nas tecnolóxicas
-
As achegas, que acadan un máximo de 186.000 euros, increméntanse nun 25% se o centro de traballo está radicado no rural
Dende hoxe pódense solicitar as axudas destinadas ao fomento e consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación, así como os incentivos ás iniciativas empresariais de base tecnolóxica. As bases da convocatoria publicáronse no Diario Oficial de Galicia (DOG) do martes 20 de xullo.
1. Tipos de axuda para as empresas de nova creación:
- Subvención á xeración de emprego estable (de 2.000 a 9.000 euros por posto ata un máximo de 10).
- Subvención para a formación (3.000 euros por empresa).
- Subvención para o inicio da actividade (de 2.000 a 9.000 euros por posto ata un máximo de 10).
- Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras (achega máxima de 3.000 euros para cubrir os custos das escolas infantís para fillos menores de tres anos).
Sumando as catro axudas, que son complementarias, a contía máxima poderá acadar os 186.000 euros.
2. Tipos de axuda para as empresas de cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT):
- Subvención á creación directa de emprego estable (de 6.000 a 22.500 euros por posto creado, dependendo da idade, sexo ou titulación das persoas contratadas).
- Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación (máximo de 18.000 euros para todas as contratacións).
- Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade (ata 24.000 euros, segundo os postos estables creados no primeiro ano de actividade).
Todas as axudas son complementarias, polo que unha mesma empresa poderá acceder a unha cantidade máxima de 64.500 euros.
En ambos os dous programas, as achegas incrementaranse nun 25% se a persoa incorporada pertence a colectivos con dificultade de inserción laboral como mulleres, traballadores maiores de 45 anos, emigrantes retornados... Este aumento aplicarase tamén no caso de que o centro de traballo estea situado nun concello rural.
As solicitudes presentaranse na sede electrónica da Xunta de Galicia. As pequenas empresas de nova creación teñen de prazo ata o 20 de agosto (código de procedemento TR807I), mentres que as de base tecnolóxica poderán pedir as achegas ata o 30 de setembro (código de procedemento TR340E).
Máis información na Axencia de desenvolvemento local do Concello da Baña.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Desenvolvemento local
- Visitas: 1233
-
Desenvolverase o xoves 6 de maio entre as 10:00 e as 12:00 horas
-
Vai dirixida a todas aquelas persoas interesadas en emprender no rural ou en proxectos de dinamización
O Concello da Baña anima a emprendedores e a todas aquelas persoas interesadas en dinamizar o rural a participar na xornada de intercambio de experiencias que se desenvolverá de xeito online o 6 de maio entre as 10:00 e as 12:00 horas.
A xornada, organizada pola Red Rural Nacional do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, ten como obxectivos dar a coñecer vivencias persoais de emprendedores no medio rural, subliñar a variedade de sectores nos que se pode emprender e intercambiar experiencias sobre problemáticas específicas vencelladas ao emprendemento e posibles vías para superalas.
O programa comprende dúas mesas de experiencias, de corenta minutos cada unha. Nelas, darase conta de que pasos hai que seguir para emprender no rural, así como proxectos concretos de casos de éxito.
Na primeira mesa, que leva por título “Comezando a emprender no medio rural: problemas, dúbidas e solucións”, participarán catro emprendedores:
- Gemna de la Montaña, da Asociación Integración Social A-02, proxecto de ecoturismo náutico inclusivo en Ares.
- Cristina, da empresa de agricultura e formación ecolóxica Horta da Terra de Miño.
- Nieves Millán, responsable das cabanas rurais María Manuela Enoturismo en Boqueixón.
- Alberto Uría, do ecomuseo El País del Abeyeiro, en Pena de Nogueira.
A segunda mesa, ‘Emprendedores no medio rural, unha aventura que merece ser contada’, reunirá outros catro poñentes:
- Guillermo Martínez, que falará da creación da granxa escola e a dixitalización de A Casa Grande de Xanceda (Mesía).
- María José Tallón, da empresa de agricultura ecolóxica Trasdeza Natur (Silleda).
- Jesús Otero, dos xeados artesanais Bico de Xeado (Miño).
- Patricia, do parque de aventura Naturmaz de Mazaricos.
A inscrición, gratuíta, pode facerse ata o 5 de maio cubrindo o formulario que se pode descargar premendo nesta ligazón.