-
A entidade provincial aportará un total de 200.000 euros, dous terzos do importe das obras
-
A actuación na CP-0702, de tres quilómetros, dalle continuidade á preparación entre Vilar da Torre e Lañas
O Concello da Baña acometerá o arranxo da estrada que vai de Lañas ao Pazo, grazas a un acordo que asinaron este venres, 4 de xullo, o alcalde José Antonio Pereira e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín Formoso, na Casa Consistorial bañense. Segundo este acordo, a entidade provincial aportará un total de 200.000 euros, dous terzos do orzamento das obras. O treito que se dotará de novo pavimento é de 3,3 quilómetros e dalle continuidade aos traballos de reparación levados a cabo na mesma estrada CP-0702 entre Vilar da Torre e Lañas.
A estrada CP-0702 é de titularidade municipal, polo que o Concello da Baña se encargará da contratación e da execución das obras. Aportará así mesmo o resto dos cartos necesarios para cubrir os 299.999,98 euros (impostos incluídos) que se calculan como investimento necesario para acometer a reparación do firme.
O presidente da Deputación, Valentín Formoso, destacou tras a firma do convenio que esta actuación servirá para darlle continuidade á xa realizada na mesma estrada entre os núcleos de Vilar da Torre e Lañas, que tamén contou cunha achega provincial de 200.000 euros. Na visita que ámbolos mandatarios realizaron despois á zona xunto coa deputada provincial Mar García Vidal, José Antonio Pereira valorou o apoio da Deputación para o desenvolvemento de proxectos na rede viaria do municipio.
Os traballos que se van desenvolver entre Lañas e O Pazo, onde a estrada conta cun ancho de 6,25 metros, consisten na mellora da capa de rodaxe mediante a aplicación de 5 centímetros de espesor de aglomerado en quente tipo AC16 B50/70. Previamente, repararanse as fochas que existen no firme, o que se prevé que implique arredor do 5 % da superficie total.
Segundo se establece no proxecto de execución, os traballos débense completar nun prazo máximo de tres meses, contado a partir da sinatura da acta de traza de planta das obras.
Preto de catro millóns a través do Plan Único
Ámbolos convenios, que suman unha contribución de 400.000 euros por parte da institución provincial, únense aos 3,9 millóns de euros que, a través do Plan Único, se orzamentaron ao longo dos últimos oito anos para o desenvolvemento de diferentes proxectos de infraestruturas por parte do Concello da Baña. En total, nese período executáronse 46 obras, mentres que outras 8 están agora en tramitación ou desenvolvéndose.