• O Pleno acorda que os festivos locais en 2024 serán o 22 de xaneiro, día de San Vicenzo; e o 9 de setembro, festividade da Virxe das Dores //

  • A Festa da Terceira Idade adíase ata a primavera do ano que vén pola forte débeda do Concello, que o goberno municipal cifra en 1,6 millóns //

  • Aproba por unanimidade a modificación do convenio de Atención Temperá con Santa Comba para incrementar as horas de logopedia e diminuír a lista de agarda //

  • O goberno remitiulle dous oficios ao exalcalde reclamándolle o pagamento dos gastos de seguro médico e a localización de sete teléfonos móbiles //

 

 

A Corporación da Baña aprobou onte destinar 142.000 euros do POS+ Adicional á realización de obras e outros 268.000 a gasto corrente para pagar facturas atrasadas nun pleno no que, agás este, os outros puntos foron aprobados por unanimidade. A preguntas do PP, a primeira tenente de alcalde, Mónica González, dixo que a Festa da Terceira Idade vaise adiar ata a primavera debido “á forte débeda que ten o Concello”, que o alcalde cuantificou en 1.600.000 euros “segundo os informes de tesourería”. Ao rematar o pleno, o alcalde, José Antonio Pereira, informou ao portavoz do PP e exalcalde, Andrés García Cardeso, que se lle remitiran dous oficios; un deles para reclamarlle o pago do seu seguro médico, aboado polo Concello, e o outro para saber onde están sete teléfonos móbiles que costaron máis de seis mil euros, dos doce encargados no último ano polo anterior goberno.

O día de San Vicenzo (22 de xaneiro) e o día da Virxe das Dores (9 de setembro) serán festivos locais na Baña o vindeiro ano, un acordo aprobado por unanimidade. Os tres grupos tamén votaron a favor de aprobar a conta xeral de 2022, da ordenanza de administración electrónica e do regulamento de control interno do Concello, que define o réxime de fiscalización de gastos e ingresos para mellorar a eficiencia da administración local.

A proposta para modificar o convenio do servizo de Atención Temperá con Santa Comba foi apoiado por todos os concelleiros. Segundo explicou Mónica González, a intención é incrementar as horas de logopedia, para acabar coas listas de agarda, e un reaxuste do equipo de profesionais do servizo, “xa que unha persoa remata o contrato e hai que informar á Consellería”. Actualmente, reciben atención neste servizo 57 nenos e nenas menores de 6 anos dos municipio da Baña e de Santa Comba.

O POS+ Adicional, Plan Único de Concellos da Deputación da Coruña, foi aprobado unicamente cos 6 votos do equipo de goberno de PSdeG e BNG e a abstención do PP (5). Dos 411.237,10 euros que lle corresponden ao Concello da Baña o alcalde presentou a proposta de destinar 268.540 euros a gasto corrente para pagar facturas e 142.697 euros á realización de obras, entre elas a mellora do entorno da igrexa de Fiopáns, o acceso a unha vivenda en Emes e outro en Corneira, así como dous tramos da estrada de Vigobó a Pandoira. “Son as actuacións máis necesarias agora mesmo”, dixo José Antonio Pereira.

Dende o PP mostráronse a favor de mellorar a contorna da igrexa de Fiopáns, pero criticaron os arranxos de accesos a vivendas particulares en vez de presentar un plan máis global. José Antonio Pereira replicoulle que, coa mellora dos accesos en Emes e Corneira, “cumprimos cunha promesa que lle fixo vostede (Andrés García Cardeso) hai oito anos á veciñanza e que seguen estando en terra”. Pereira Gil tamén lle criticou ao PP que non incluíra no POS de 2018, 2019 ou 2022 a mellora da contorna da igrexa de Fiopáns. Ademais, engadiu, “nós presentamos un orzamento duns 80.000 euros, a metade do que tiña preparado o PP”.

Débeda de 1,6 millóns e Festa da Terceira Idade

Nos rogos e preguntas, cando Andrés García Cardeso preguntou polo estado das obras executadas con cargo a subvencións, José Antonio Pereira díxolle que moitas estaban rematadas ou en fase de execución e que outras non se podían executar pola forte débeda do Concello.

Pereira Gil presentou un informe da Tesourería municipal que cifra a débeda do Concello en 1.600.000 euros. “Cando chegamos ao goberno atopámonos con facturas pendentes de pagamento do ano 2022 por importe de 185.000 euros, e case outro millón de euros sen pagar entre xaneiro e xuño deste ano. Non temos capacidade financeira para aportar o 20 por cento que nos piden moitas subvencións”.

Por causa da débeda, o Concello non vai organizar este ano a Festa da Terceira Idade, como lle sinalou a concelleira do BNG ao portavoz popular. “Valoramos facela este ano, pero coa situación económica do Concello é inviable”, dixo Mónica González. “Farémola na primavera, agora temos que pagar o que debemos”, afirmou. A primeira tenente de alcalde criticou que o anterior goberno municipal destinase á Festa Castrexa uns 30.000 euros, “que aínda están sen pagar, e así con moitas outras cousas”.

José Antonio Pereira e Mónica González dixeron que hai departamentos, como deportes ou cultura, que teñen as súas partidas económicas en negativo, “gastouse máis do previsto”.

Ao rematar o pleno, o alcalde informoulle ao portavoz do PP que se lle remitiran dous oficios. Un deles reclamándolle que pague ao Concello “752 euros correspondentes ao seguro médico dos meses de xullo, agosto, setembro e outubro” que foron aboados polas arcas municipais.

No outro oficio, o goberno local pídelle a García Cardeso que informe onde están sete teléfonos móbiles, valorados en máis de seis mil euros, dos doce comprados con fondos municipais, “que non sabemos a quen están asignados. Os teléfonos chegaron ao concello ao seu nome”, lle dixo José Antonio Pereira.

Andrés García Cardeso respondeu que non recibira ningunha notificación. “Todos os teléfonos foron solicitados para a brigada de obras e a outros departamentos municipais, e distribuídos dende o departamento de Cultura. Eu non pedín nada”, concluíu o exalcalde.

20230927 A Banha pleno setembro POS adicional 1