• En cadansúa carta ás tres entidades, asume o compromiso de pasar as contas de titularidade municipal á financeira que acepte instalarse

abanca

O Concello da Baña continúa realizando xestións encamiñadas a conseguir que o municipio recupere unha oficina bancaria logo do peche o pasado día 8 da que Abanca tiña en San Vicenzo. Despois dunha toma de contacto co Banco Santander, remitiulles tamén cadansúa carta á Caixa Rural Galega, ao BBVA e a CaixaBank solicitándolles que se instalen na Baña.

Nas cartas, asinadas polo alcalde, José Antonio Pereira, recórdaselles ás tres entidades financeiras que a marcha de Abanca deixou A Baña sen servizos bancarios. O escrito incide en que a maioría do censo municipal está formado por persoas maiores, con escaso coñecemento da banca en liña, que agora están obrigadas a desprazarse para retirar cartos, obter información ou asesoramento persoal ou cumprir con calquera outro trámite que haxa que realizar de forma presencial e, por iso, pídeselle a Caixa Rural Galega, o BBVA e CaixaBank que consideren a opción de abrir unha oficina na Baña.

Ademais, as cartas recollen o compromiso do Concello da Baña de trasladar á entidade que se instale na Baña todas as contas bancarias de titularidade municipal, “nas que se ingresan as transferencias estatais, autonómicas e locais”.