- Mañá, mércores, desenvolverase un webinar gratuíto para aprender a usar esta ferramenta
A Xunta de Galicia habilitou a páxina web Turespazo para que as persoas adicadas á hostalaría en toda Galicia poidan calcular a capacidade máxima dos seus locais e descargar o cartaz co código QR, que obrigatoriamente deberán poñer a disposición da súa clientela a partir do vindeiro venres 5 de marzo.
Para axudarlles a empregar esta ferramenta, Turismo de Galicia programou para mañá, mércores 3 de marzo, un webinar gratuíto no que explicará o funcionamento da web Turespazo e os pasos que deberán dar os hostaleiros para poder calcular o aforo máximo dos locais e facer a descarga dos códigos QR, pois terán que colocar ámbolos elementos no seu establecemento de xeito visible.
O webinar desenvolverase a partir das 11:00 da mañá e terá unha duración de ao redor dunha hora. Participarán no mesmo a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro; o responsable da Área de Innovación Turística, Jorge Barreiro Rodas; e o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo González Pardal.
Par participar no webinar é necesario inscribirse na seguinte ligazón, que remite á paxina informativa do mesmo. As dúbidas poderán consultarse directamente a través do chat do webinar.
Nos documentos adxuntos, pódense consultar tamén:
- Manual de uso da páxina web Turespazo.
- Guía rápida da Declaración de capacidade máxima.
- Manual do procedemento da Declaración responsable da capacidade máxima.