• O Concello informará á veciñanza sobre o proxecto e facilitará modelos de alegacións //

  • O DOG publica hoxe a listaxe de persoas e bens afectados //

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe, martes 27 de setembro, o acordo da Xunta polo que se somete a exposición a solicitude de declaración e utilidade pública do parque eólico de Barrosino, coa conseguinte necesidade de urxente ocupación dos terreos afectados e a súa expropiación forzosa. Por este motivo, o Concello da Baña anuncia que, logo de estudar o proxecto, informará a veciñanza nos próximos días e ofrecerá modelos para presentar alegacións.

O DOG publica a listaxe de persoas e bens afectados e informa que o prazo para presentar alegacións é de 30 días a contar desde este mércores 28 de setembro. O parque, promovido pola empresa Green Capital Power, afectaría exclusivamente ao Concello da Baña e contaría con 3 aeroxeneradores dunha potencia de 4,5 megawatios cada un deles.

Toda a documentación e os planos do proxecto pódense consultar na seguinte ligazón: https://economia.xunta.gal/transparencia/informacion-publica/en-tramitacion/instalacions-de-xeracion?content=expediente_0221.html. De xeito físico, as persoas interesadas poderán informarse tamén nas dependencias da Sección de Enerxía da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (rúa Vicente Ferrer 2 da Coruña), de 9.00 a 14.00 horas de luns a venres, así como no Concello da Baña.