- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Emprego e Desenvolvemento INICIO
- Visto: 662
-
Os traballadores por conta propia poden pedir subvencións para contratar asalariados de xeito indefinido
As persoas desempregadas que aposten polo autoemprego e aqueloutras que, sendo autónomas, contraten persoas asalariadas de xeito indefinido poden solicitar ata o 30 de setembro as subvencións que concede a Xunta coa fin de promocionar e consolidar o emprego autónomo.
O programa de impulso do traballo autónomo consta de dúas liñas.
1. A primeira delas, para a promoción do emprego autónomo, está destinada a aquelas persoas en situación de desemprego que se establezan por conta propia e ten como fin axudalas a facerlle fronte aos gastos vencellados ao inicio da actividade laboral.
Poden acollerse a estas subvencións aquelas persoas que se deran de alta na Seguridade Social ou na mutualidade dun colexio profesional entre o 1 de outubro de 2020 e o 30 de setembro de 2021, ámbolos días incluídos.
O importe das axudas oscilará entre os 2.000 e os 10.000 euros.
O código de procedemento é o TR341D. Accede ao programa dende esta ligazón picando aquí.
2. A segunda das liñas de achegas vai dirixida ás persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida e a formación de persoas asalariadas, a través do bono contratación ou o bono formación. Inclúense as contratacións formalizadas entre o 1 de outubro de 2020 e o 31 de setembro de 2021.
A contía das subvencións abrangue dende os 4.000 euros iniciais sempre que se contrate unha persoa desempregada ata os 16.250 euros para a primeira contratación indefinida ou os 22.500 euros para a segunda.
O código de procedemento é o TR349F. Accede ao programa dende esta ligazón picando aquí.
As peticións deberán presentarse obrigatoriamente por medios telemáticos na sede electrónica da Xunta. Cada liña de axudas se xestiona de forma independente.
As bases da convocatoria publicáronse no DOG do 5 de agosto de 2021.
Máis información na Axencia de Desenvolvemento Local do Concello da Baña.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Emprego e Desenvolvemento INICIO
- Visto: 1034
2 de xullo de 2021
Fanse públicos os resultados do proceso de selección, e a proposta de contratación do proceso de selección como persoal laboral temporal para unha praza de socorrista.
A acta da comisión de selección pódese consultar na sede electrónica do Conconcello da Baña, neste enlace (preme aquí).
17 de xuño de 2021
Faise pública a resolución da alcaldía pola que se aproba a listaxe de persoas admitidas e excluídas para participar no proceso de selección como persoal laboral temporal para unha praza de socorrista. A lista de admitidos elévase a definitiva por non resultar ninguén excluído.
As persoas aspirantes deberán presentar a documentación requerida nas bases o 21 de xuño de 2021, no salón de plenos da casa consistorial, ás 10.00 horas.
A proba práctica realizaranse o 21 de xuño a partir das 1115 horas.
A resolución pódese consultar no documento adxunto.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Emprego e Desenvolvemento INICIO
- Visto: 1652
Mércores, 21 de abril de 2021
Faise pública a listaxe de persoas seleccionadas para a contratación como persoal laboral temporal de tres oficiais albaneis de segunda e cinco peóns de obras públicas ao abeiro do plan de integración laboral da Deputación provincial da Coruña (PEL-CONCELLOS REACTIVA 2021).
A resolución do tribunal cualificador pódese consultar no documento adxunto.
Martes, 13 de abril de 2021
Faise pública a resolución da alcaldía coa listaxe de admitidos e excluídos para o proceso de contratación como persoal laboral temporal de tres oficiais albaneis de segunda e cinco peóns de obras públicas ao abeiro do plan de integración laboral da Deputación provincial da Coruña (PEL-CONCELLOS REACTIVA 2021).
A realización da proba de galego para as persoas que no teñan o CELGA 1 ou equivalente será o 15 de abril ás 15.00 horas no centro social e da terceira idade (rúa Tedelle, s/n).
A proba práctica (fase de oposición) será o 15 de abril, ás 17.00 horas, na nave municipal (rúa Tedelle s/n).
A resolución da alcaldía pódese consultar no documento adxunto
Xoves, 25 de marzo de 2021
Fanse públicas as bases reguladoras para a contratación como persoal laboral temporal de tres oficiais albaneis de segunda e cinco peóns de obras públicas ao abeiro do plan de integración laboral da deputación provincial da Coruña (PEL-CONCELLOS REACTIVA 2021).
O prazo para a presentación de solicitudes abrangue dende o venres 26 de marzo ata o 5 de abril (cinco días hábiles).
As bases publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do 25 de marzo pódense consultar no arquivo adxunto.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Emprego e Desenvolvemento INICIO
- Visto: 853
-
Esta moza do Seilán fala da presión que sufriu cando deixou a hostalaría para converterse en soldadora. “Tes que demostrar moitísimo máis”, di
-
“Chegáronme a dicir que non compensaba ter unha muller do metal nunha empresa porque lles faltan infraestruturas”, engade
“As xeracións máis novas veñen con outra mentalidade, pero A Baña ten unha poboación bastante avellentada e o sentir maioritario é que unha muller que non casa e non ten fillos non é válida. É unha cuestión educativa e cultural que hai que ir cambiando”, sostén Nerea Vázquez, moza do Seilán e protagonista neste Día do Traballo do quinto vídeo da serie ‘A Baña en feminino’ coa que o Concello convida a reflexionar sobre o papel da muller e a igualdade de xénero nun municipio rural.
Nerea era consciente de que o camiño ía ser díficil cando decidiu dar o paso de deixar a hostalaría para converterse en soldadora, un oficio tradicionalmente de homes, e lembra a presión social que sentiu cando comezou a súa formación. “Se non remataba a FP, sabía que o que me ían dicir era para que me metera nisto se xa se sabía que non valía. Tes que demostrar moitísimo máis”, subliña.
Hoxe en día é técnica en soldadura e caldereiría e estuda o ciclo superior de Construcións Metálicas. “No metal -comenta- hai máis mulleres do que se pensa, pero seguimos sendo poucas e estamos moi pouco visibilizadas”. Incide así mesmo nas dificultades que se atopan as mulleres para incorporararse ao mundo laboral neste sector, “malia contar con subvencións”. “A min chegáronme a dicir que non compensaba ter unha muller nunha empresa porque lles faltan infraestruturas”, recalca.
De cara ao futuro, Nerea Vázquez estima que para conseguir a igualdade hai que incidir na educación, tanto para que mulleres e homes compartan os labores cotiáns dunha casa como para que se coñezan os traballos. Neste sentido, sinala que “o metal é un traballo limpo e fino, pero a maioría da xente descoñéceo”.
A Baña en feminino. Visibilizando a muller rural
O proxecto ‘A Baña en feminino. Visibilizando a muller rural’ consta de doce audiovisuais que se publicarán na canle de Youtube do Concello ao longo deste ano. A mestra xubilada Dolores Allo inaugurou a serie o pasado mes de xaneiro falando das súas vivencias e os avances que experimentou a sociedade nas últimas décadas de cara a acadar a igualdade. En febreiro, o protagonista foi Carlos Sande, un mozo filloeiro que reclamaba “condicións idóneas” para que as mulleres conten coas mesmas oportunidades ca os homes en todos os eidos vitais. Xa en marzo, a ex perruqueira Isabel Giraut, promotora da Asociación de Mulleres na Baña, insistía na importancia de que dende pequenos rapaces e rapazas sexan educados para asumir idénticas responsabilidades no fogar. Na mesma liña, coincidindo co Día do Libro o pasado 23 de abril, a gañadora do premio Álvaro Cunqueiro de teatro Carme Varela abogaba por liberar as mulleres da carga dos coidados.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Emprego e Desenvolvemento INICIO
- Visto: 1583
O proxecto PEL Emprego Sustentable, promovido pola Deputación da Coruña e financiado nun 80% polo fondo Social Europeo, ofrece itinerarios formativos coa finalidade de crear emprego no ámbito rural. Así, esta liña de actuación do PEL contempla accións en sectores como a gandería, atención sociosanitaria, telasistencia ou agricultura ecolóxica e pretende axudar a combater a perda de poboación no rural da provincia.
A lista detallada de itinerarios e accións formativas, así como a duración e número de prazas de cada unha das mesmas, pódese consultar no documento anexo a esta nova, no que tamén se dá conta dos obxectivos do programa, dos requisitos das persoas participantes e da axuda económica á que estas teñen dereito, entre outros aspectos de interese.
As persoas interesadas en participar neste programa poden obter máis información no Concello da Baña, no teléfono 981 886 501.
REQUISITOS PERSOAS PARTICIPANTES
Para ser admitidas como participantes nas accións dos itinerarios de inserción, as persoas interesadas deberán cumprir cos seguintes requisitos xerais:
- Ter cumpridos os 16 anos de idade.
- Estar empadroado/a nalgún dos concellos do proxecto.
- Cumprir cos requisitos de acceso á formación adscritos a cada unha das acciones formativas.
- Pertencer a algún dos seguintes colectivos: Persoas desempregadas de larga duración (PLD). Xuventude menor de 30 anos non participante en accións do Programa Operativo de Emprego Xuvenil (POEJ) Persoas maiores de 55 anos. Persoas con certificado de discapacidade sen impedimento físico ou psíquico que lle impida o normal desenvolvemento das accións formativas e da profesión á que vai asociada esa formación. Persoas inmigrantes. Persoas pertencentes a minorías étnicas e comunidades marxinadas. Outros colectivos desfavorecidos como: participantes que viven en fogares compostos dun único adulto con fillos ao seu cargo; persoas sen fogar ou afectadas pola exclusión en materia de vivenda; vítimas de violencia de xénero; vítimas de discriminación por orixe racial ou étnico, orientación sexual e identidade de xénero; solicitantes de asilo; persoas con problemas de adicción; persoas reclusas e ex reclusas; perceptoras de rendas mínimas ou salarios sociais; persoas con fracaso ou abandono escolar. Outras persoas en situación de vulnerabilidade acreditada por un informe dos Servizos Sociais Municipais.
ITINERARIOS FORMATIVOS
- Competencias clave
- Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institución
- Xestión de chamadas de teleasistencia
- Dinamización comunitaria
- Guía de itinerarios de sendeirismo
- Emprendemento social en economía circular
- Planificación e iniciativa emprendedora en pequenos negocios ou microempresas
- Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes
- Actividades auxiliares en aproveitamentos forestais
- Operacións de vixilancia e extinción de incendios forestais e apoio a continxencias no medio natural e rural
- Actividades auxiliares en agricultura
- Agricultura ecolóxica
- Manexo e mantemento de maquinaria agrícola
- Actividades auxiliares en gandeiría
- Gandería ecolóxica
- Elaboración de leites de consumo e produtos lácteos
- Operacións básicas de cocina
- Tratamento de residuos e reciclaxe
- Montaxe de mobles e elementos de carpintería
- Planificación e iniciativa emprendedora en pequenos negocios ou microempresas
AXUDA ECONÓMICA PARA AS PERSOAS PARTICIPANTES
As persoas participantes nos itinerarios de PEL Emprego sustentable no ámbito rural terán dereito á percepción dunha axuda económica en forma de bolsa se carecen de rendas ou ingresos de calquera natureza, iguais ou superiores en cómputo mensual ao 75% do IPREM vixente cada ano. O importe desta axuda será de 13,45 euros diarios e devengarase por días de asistencia que teñan a condición de lectivos, non poderá recibirse axuda aqueles días nos que se produza ausencia aínda que tal ausencia estea xustificada.