• Os tres alcaldes reuníronse o mércores coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade solicitando a mellora nesta e noutras vías

  • Ethel Vázquez informou que están en contratación as obras para mellorar o firme da AC-406 e da AC-546

 

O alcalde da Baña, Andrés García Cardeso, xunto co de Val do Dubra e a alcaldesa de Santa Comba, reuniuse o pasado mércores coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta, Ethel Vázquez, para solicitar a mellora da estrada AC-406, que vai de Faílde a Paramos, facilitando así a saída da Baña cara Santa Comba e Val do Dubra. A reunión celebrouse en Santa Comba, coincidindo coa visita da conselleira para anunciar a licitación dunhas obras.

Ethel Vázquez informou que a Consellería está a tramitar o contrato para iniciar a redacción do proxecto de mellora da estrada AC-406 entre Santa Comba e Portomouro, no treito do alto do Paofito, por considerar esta como unha actuación estratéxica para os tres concellos da comarca. A mellora deste vial é unha das reivindicacións que vén mantendo o Concello da Baña dende hai anos.

Na reunión, a conselleira informou tamén de que están en contratación as obras para mellorar o firme de varios treitos das estradas autonómicas AC-400, AC-406 e AC-546, que se executarán este mesmo ano e que suporán un investimento de 1,5 millóns de euros. 

Con esta actuación mellorarase considerablemente as comunicacións dende A Baña con Santiago, tanto viaxando cara a Portomouro como cara a Negreira. A  estrada AC-546, que comunica Negreira co cruce da Pereira, pasa, no municipio da Baña, por Corneira, Ordoeste, San Cibrán e Seoane.

Andrés García Cardeso aproveitou tamén a reunión coa conselleira para interesarse pola execución da senda peonil que unirá a saída de Negreira co Seilán. Actualmente, técnicos da empresa de enxeñería Incubed están a tomar medicións para redactar o proxecto. “A intención da Consellería é licitar as obras este mesmo ano”, explicou o alcalde da Baña tras a reunión. García Cardeso engadiu que esta obra vai permitir tamén que varias casas do municipio que se atopan neste tramoi poidan conectarse coa rede de sumidoiros.