O Servizo de Normalización Lingüística do Agrupamento A Baña-Negreira organiza, dentro do programa Maimiños, o III Maratón de contacontos o próximo, 23 de abril, de 17.00 a 19.00 h, na casa de cultura do Concello da Baña, con motivo de conmemorar o Día do Libro e de fomentar a lectura.

Todas as persoas que desexen participar como contadoras e/ou oíntes poden anotarse con anticipación nos teléfonos 981 886 501 / 607 153 604 ou achegarse pola casa de cultura no día e á hora fixada anteriormente.

Ficheiros: 

I_I_I_Maraton_de_contacontos.pdf

As persoas participantes no Club de Lectura Barcala en Galego reuniranse o próximo 7 de maio de 2013, en horario de 16.00 a 17.00 h na casa de cultura para comentar o libro Tardes con Margueritte de Marie-Sabine Roger e para escoller a/s lectura/s para o próximo mes.

Autor: Marie-Sabine Roger
Título: Tardes con Margueritte
Data de lectura:

abril de 2013

Comentarios:

“Esta é unha novela para rir, para pensar, para sentir, para emocionarse. Esta é unha historia con dous personaxes inesquecibles. Por unha banda, Germain, na mediana idade e pasado de quilos e de tristura (interpretado maxistralmente no cine por Gerard Depardieu). Por outra, Margueritte, unha velliña adorable que sabe todo o que hai que saber sobre os libros e, sobre todo, coñece cal é a súa forza e como nos poden cambiar a vida para sempre”

(Editorial Galaxia)

Ademais, no noso club imos ler nas próximas sesións poemas do libro Cantares Gallegos de Rosalía de Castro con motivo de celebrar o 150 aniversario da súa publicación.

Todas aquelas persoas que estean interesadas en participar poden achegarse pola casa de cultura na data citada ou enviar os seus comentarios a través do blog do Servizo de Normalización Lingüística (snl.concellodabana.es) ao que poden tamén acceder a través da páxina web do Concello da Baña (www.concellodabana.es).

O Club de Lectura Barcala en Galego organiza un encontro con Manuel Iglesias Turnes, autor bañense, para o martes, 16 de abril, ás 17.30 h, na casa de cultura do Concello da Baña.

O autor falará acerca da súa primeira novela As rapazas de Xan que está ambientada na aldea de Cabanelas durante os anos da posguerra e que “describe o complexo tecido de relacións que compoñen a vida dunha aldea marcada pola pobreza e a miseria, pola forte presenza da Igrexa que exerce unha notable influencia na vida cotiá e pola ausencia de futuro na propia terra, cando a saída máis favorable para os seus habitantes máis novos é a emigración a Montevideo”.

Están convidadas a participar neste encontro todas as persoas que estean interesadas na obra e en conversar co autor no coloquio que haberá despois da presentación.

Ficheiros: 

ENCONTRO_CON_MANUEL_IGLESIAS_TURNES.pdf

Os nosos Maimiños pasaron a tarde do 2 de abril, na casa de cultura, tocando e experimentando con diferentes texturas.

Ficheiros: 

Maiminos_2012-13.pdf

O noso club de lectura pasa a chamarse Club de Lectura Barcala en Galego con motivo de que o Concello da Baña e o de Negreira asinaron un convenio de colaboración para compartir o Servizo de Normalización Lingüística. Por isto, invitamos, hoxe máis que nunca, a todas as persoas da contorna a que participen no noso club.

Como todos os meses, as persoas participantes no Club de Lectura Barcala en Galego compartiremos as nosas opinións sobre o libro As rapazas de Xan de Manuel Iglesias Turnes o próximo 2 de abril de 2013, en horario de 16.00 a 17.00 h, na casa de cultura e escolleremos a/s lectura/s para o próximo mes.

Esta escolla vén un pouco determinada porque o autor do libro é oriúndo de Cabanas do Concello da Baña e está moi vinculado á comarca Barcala.

Autor: Manuel Iglesias Turnes
Título: As rapazas de Xan
Data de lectura:

Febreiro de 2013

Comentarios:

“De malla a malla desenvólvese a historia de amor protagonizada por Carmela e Manuel durante os difíciles anos da posguerra en Cabanelas. Mais tamén é esta unha emocionante novela coral na que se describe o complexo tecido de relacións que compoñen a vida dunha aldea marcada pola pobreza e a miseria, pola forte presenza da Igrexa que exerce unha notable influencia na vida cotiá e pola ausencia de futuro na propia terra, cando a saída máis favorable para os seus habitantes máis novos é a emigración a Montevideo.”

(Edicións Xerais de Galicia)

“Este libro é a memoria fiel, escrita por unha testemuña presencial, da vida interior dunha aldea de Galicia nos anos cincuenta do século XX.”

Pablo Vaamonde García

“Este libro ben daría para facer un filme que recrease ese mundo rural desaparecido con brillo e amenidade, pois sobre todo é literatura popular con vocación de entreter e divertir, un melodrama cheo de graza e desgrazas da xente nosa.”

Suso de Toro

Ademais, no noso club imos ler nas próximas sesións poemas do libro Cantares Gallegos de Rosalía de Castro con motivo de celebrar o 150 aniversario da súa publicación.

Todas aquelas persoas que estean interesadas en participar poden achegarse pola casa de cultura na data citada ou enviar os seus comentarios a través do blog do Servizo de Normalización Lingüística (snl.concellodabana.es) ao que poden tamén acceder a través da páxina web do Concello da Baña (www.concellodabana.es).