As persoas participantes no Club de Lectura Barcala en Galego reuniranse o próximo 4 de xuño de 2013, en horario de 16.00 a 17.00 h na casa de cultura para comentar os libros do autor homenaxeado polo Día das Letras Galegas, Roberto Vidal Bolaño, Rastros, Días sen gloria, Touporroutou… e para escoller a/s lectura/s para o próximo mes.

Todas aquelas persoas que estean interesadas en participar poden achegarse pola casa de cultura na data citada ou enviar os seus comentarios a través do blog do Servizo de Normalización Lingüística (snl.concellodabana.es) ao que poden tamén acceder a través da páxina web do Concello da Baña (www.concellodabana.es).

Os maimiños realizaron actividades relacionadas cos Maios no seu último encontro, o 7 de maio.

Ficheiros: 

Maiminos_2012-13_01.pdf

EXCURSIÓN CULTURAL NORTE DE PORTUGAL E A GARDA

Data: sábado, 4 de maio de 2013

Hora de saída: 9.00 horas

Lugar: Praza do Concello da Baña

Destinatarios/as: maiores de 18 anos, teñen preferencia as persoas empadroadas

Actividades: Visita a Vila Nova de Cerveira, Caminha e A Garda, ruta en ferry e visita guiada ao monte de Santa Trega.

Prezo: 18 euros/persoa (Inclúe autobús, comida, ferry e entrada ao monte de Santa Trega)

Inscrición: ata o 30 de abril de 2013. Prazas Limitadas.

- Na Concelllaría de Cultura, Concello da Baña, de luns a venres, en horario de 9.00 a 14.00 horas, teléfonos: 981 886 501 e 607 577 419

- No Centro Social e da Terceira Idade, de martes a sábado, en horario de 16.00 - 20.00 horas, teléfono 607 574 960

Ficheiros: 

Excursion_Culltural.pdf

O Concello da Baña e a Escola de Educación Infantil de Lañas organizaron un encontro entre as escolas infantís da contorna o 3 de maio en Lañas da Baña, co fin de propiciar a convivencia entre o alumnado das citadas escolas, de aprender hábitos ecolóxicos e de coñecer o punto limpo, a industria, as instalacións deportivas e outros lugares do concello.

Esta é unha práctica habitual que se vén desenvolvendo desde hai uns anos por estas datas para compartir un día con Urxa, a trasno da biblioteca da Baña. O encontro do venres comezou na escola de Lañas ás 9.30 h; alí o alumnado visitante coñeceu as instalacións da escola unitaria e aproveitaron todos para plantar árbores, unha forma ecolóxica de comezar o día.

Máis tarde, arredor das 11.00 h, o alumnado merendou no pavillón de Lañas, onde tamén, coa axuda dos técnicos de Residuos Ambientales de Galicia, participou nun xogo de reciclaxe que lle permitiu sensibilizarse de forma lúdica sobre a importancia de separar os residuos desde os primeiros anos da infancia.

Logo, os técnicos de Residuos Ambientales levaron os nenos a visitar o punto limpo da Baña para explicarlles como funciona, como se xestionan os residuos urbanos, a importancia da reciclaxe... Todo isto dentro dunha campaña de concienciación que queren realizar entre toda a cidadanía e que comezaron coa poboación máis nova.

A última visita da mañá foi á Carpintería Liñares de Cabanas onde os nenos aprenderon cal é o proceso final polo que pasan as árbores antes de converterse nos mobles que teñen nas súas casas.

Arredor das 13.30 h as escolas despedíronse ata o ano que vén en que poderán comprobar canto medraron as árbores que plantaron detrás da escola unitaria de Lañas e participar con Urxa nunha nova mañá de experiencias lúdicas.

O encontro co escritor Manuel Iglesias Turnes na casa de cultura do Concello da Baña o 18 de abril resultou entrañable e enriquecedor. O autor desveloulles ás persoas participantes o proceso de elaboración da súa novela As rapazas de Xan; analizou cuestións da obra como as personaxes, o papel da muller, o amor, o léxico, a toponimia, a antroponimia... Despois do seu relatorio, respondeu as preguntas do público nun ambiente relaxado e de camaradería e asinou libros.