• O Concello solicitou unha xuntanza por primeira vez en marzo, pero a Consellería aínda non respondeu

  • O edificio, de máis de corenta anos, precisa da renovación de tellado, fachadas e ventás para evitar filtracións, goteiras, humidades e riscos de desprendemento de tellas, e para procurar unha mellor eficiencia enerxética

 2017 CPI SanVicente

Foto de arquivo do CPI San Vicente, de 2017

 

Máis de cinco meses despois, o Concello da Baña continúa sen recibir resposta por parte da Consellería de Cultura, Educación e Universidade á solicitude de reunión para tratar das melloras que precisa o CPI San Vicente con carácter urxente.

O colexio, construído na súa maior parte a finais dos anos setenta, precisa acometer diversas reformas para seguir ofrecendo servizos con garantías. Así, é necesario reparar tanto o tellado coma as fachadas e as ventás para previr as filtracións de auga e evitar as humidades, así como mellorar a eficiencia enerxética dun edificio con máis de corenta anos.

Desde o Concello solicitouse unha xuntanza coa Xefatura Territorial da Consellería na Coruña en varias ocasións, a primeira delas o día 8 de marzo. Porén, estes requirimentos nunca foron respondidos pola Xunta. O centro xa comunicou no mes de novembro de 2020 á Unidade Técnica da Consellería as diversas deficiencias que se rexistran no edificio: filtracións de auga no comedor e en distintas aulas, problemas na fachada exterior e nas cubertas dos edificios de Infantil e Primaria ou anomalías estruturais que esixen una actuación urxente.

Para o curso que vai comezar, o CPI San Vicente contará con dúas aulas en Infantil, seis en Primaria (unha menos que o ano pasado) e cinco en Secundaria. A matrícula descendeu nalgúns cursos e, de feito, só hai tres matrículas para o cuarto curso de Infantil.

Por outra banda, a dirección do centro en colaboración co Concello da Baña, traballa por atraer ao centro escolar a todos os pequenos e pequenas residentes no concello. De feito, no vindeiro curso 21-22 ampliouse a área educativa á parroquia de Troitosende, o cal garantirá aos pequenos e pequenas desta parroquia os servizos de transporte e comedor escolar.

Á espera da actualización dos protocolos, as medidas de prevención contra a covid-19 serán semellantes ás do curso 2020-2021. Neste sentido, a amplitude do edificio fai posible que haxa espazo suficiente para cumprir coa separación interpersoal prevista sen necesidade de realizar reformas ou modificar o uso de espazos como a biblioteca ou os ximnasios. De feito, para unha atención máis segura do servizo de comedor, xa o curso pasado se habilitou unha aula para que funcione como segundo comedor, conseguindo garantir así o distanciamento social requirido.

  • Problemas de axenda provocan cambios na programación do Verán Cultural

pulpiño

O Verán Cultural da Baña chega con dúas novas citas este xoves 19 de agosto, aínda que con algún cambio motivado por problemas de axenda.

Deste xeito, a anunciada actuación de Pulpiño Viascón en Sanamede do Monte será substituída pola do grupo de música tradicional Ghazafellos, que xa estivo este domingo en Ordoeste. A hora de inicio mantense ás 13.00 horas.

Pulpiño Viascón, como estaba previsto, si levará a Suevos os seus instrumentos de rúa aínda que cambia o horario de comezo do espectáculo, que será ás 13.00 horas en vez de ás 14:00.

O Verán Cultural da Baña conta con máis dunha ducia de citas dirixidas a apoiar o programa de festas das distintas parroquias do concello así como o sector cultural galego.

  • As familias foron informadas en canto se tivo noticia do caso, que non xerou máis contaxio ata o momento

  • O Punto de Atención á Infancia xa tiña programadas as vacacións para o mes de agosto

 20210728 Punto Atencion Infancia Bana

O Concello da Baña decidiu pechar o Punto de Atención á Infancia (PAI) en canto tivo constancia de que unha das profesionais do centro deu positivo en covid-19. De momento é o único caso do que se ten constancia no PAI, ao que acoden unha vintena de nenos e nenas.

Seguindo o protocolo recomendado polas autoridades sanitarias, o Concello decidiu adiantar a mañá o peche do centro, que xa tiña programadas as vacacións para o mes de agosto. Todas as familias da vintena de nenos e nenas que acoden habitualmente ao PAI foron informadas da situación, e entenderon a medida preventiva de suspender as clases mañá, xoves, e o venres.

O alcalde da Baña, José Antonio Pereira Gil, pídelle a veciñanza que extrema as precaucións e manteña as medidas de seguridade (uso de máscara e distancia interpersoal de seguridade) para evitar a propagación do coronavirus.

 

  • A mestra e monitora de ocio e tempo libre protagoniza o oitavo vídeo de ‘A Baña en feminino’ no Día Internacional da Mocidade

  • Censura que os traballos relacionados co coidado de menores, persoas maiores e fogares estean ligados a mulleres

 

Noelia Castro, graduada en Educación Infantil e monitora de ocio e tempo libre, protagoniza a oitava entrega da serie audiovisual ‘A Baña en feminino’, coa que o Concello promove o debate sobre o papel da muller na sociedade rural. Coincidindo coa celebración do Día Internacional da Mocidade, esta veciña de Lañas de 22 anos convida a reflexionar sobre o cambio de mentalidade necesario para a igualdade, non só entre a poboación máis nova senón entre a de maior idade.

“Hoxe estase producindo un gran cambio nas mentalidades. As novas xeracións non pensamos igual que as anteriores, loitamos e buscamos a igualdade, pero está claro que aínda hai unha porcentaxe de persoas que segue crendo que homes e mulleres non somos iguais”, reflexiona Noelia Castro. A sociedade, afirma, aínda non é consciente da existencia de comportamentos desiguais e micromachismos, “presentes nas xeracións novas e nas vellas, entre homes e mulleres”.

Neste sentido, afirma, actividades coma os campamentos son ideais para educar na igualdade desde a primeira infancia: “Aquí xúntanse nenos e nenas de distintos fogares, con distintos costumes e diferente educación. O noso traballo é aproveitar esta diversidade para, a través de dinámicas de grupo, mostrarlles que hai varios puntos de vista e para poñer exemplos de cousas que realmente acontecen, que vexan que toda a sociedade está influenciada, ao final, por esa realidade sexista”.

Unha mostra é, segundo destaca Castro, a propia composición do cadro de persoal de actividades relacionadas co coidado de crianzas, de maiores ou de fogares: “En xeral sempre adoita haber máis monitoras que monitores, máis coidadoras que coidadores. Seguimos herdando a idea de relacionar coidados coas mulleres, cando isto son labores nos que deben participar todas as persoas e se debe fomentar non só dende as institucións, senón dentro da familia”.

noelia2

A xuízo de Noelia Castro, “o concello da Baña avanza favorablemente na busca da igualdade, igual que avanza a sociedade en xeral. Iso si, penso que aínda nos queda un longo percorrido ata chegar á igualdade de xénero real. As institucións deben ofertar máis servizos de conciliación. Temos que ofrecerlles ás mulleres a posibilidade de accederen a un posto de traballo en condicións de igualdade. E, sobre todo, temos que seguir educando desde a primeira infancia en igualdade, é fundamental”.

A Baña en feminino. Visibilizando a muller rural

O proxecto ‘A Baña en feminino. Visibilizando a muller rural’ consta de doce vídeos que o Concello está a publicar na súa canle de YouTube en 2021, a razón e un audiovisual por mes, nos que se lles dá voz a veciñas do municipio que se desempeñan en diversos eidos. Ten por obxectivos principais visibilizar as mulleres bañenses dentro dunha contorna aínda maioritariamente machista e axudar a reflexionar sobre a situación actual en canto a xénero, ao tempo que se promove a igualdade de xénero e se fomenta o uso do galego.

  • Carme Liñares, avoa de cinco netos, protagonizou o vídeo publicado en xullo, con motivo do Día Internacional das Avoas e dos Avós. Esta veciña de Cabanas constataba o difícil que foi “chegar á liberdade de hoxe, porque antes a muller non tiña voto para nada” e convidaba a non dar pasos atrás.
  • Verónica Liñares, enxeñeira de Montes e veciña de Ordoeste, incidiu no mes de xuño na necesidade de dotar á sociedade de “referentes femininos para que desapareza a fenda de xénero existente nas ciencias e nas enxeñarías”.
  • A soldadora Nerea Vázquez protagonizou o vídeo que se publicou no Día do Traballo, no que falaba da presión que sentiu cando decidiu estudar para un oficio tradicionalmente masculino ou das dificultades laborais coas que se atopan as mulleres no sector do metal.
  • Coincidindo co Día do Libro o 23 de abril, a gañadora do premio Álvaro Cunqueiro de teatro Carme Varela avogaba por liberar as mulleres da carga dos coidados. “É un lastre que levamos de sempre, o de coidar primeiro dos nenos e despois dos maiores”, subliñaba a filóloga e escritora de Duomes de Arriba.
  • Xa en marzo, a ex perruqueira Isabel Giraut, promotora da Asociación de Mulleres na Baña, insistía na importancia de que dende pequenos rapaces e rapazas sexan educados para asumir idénticas responsabilidades no fogar.
  • En febreiro, o protagonista foi Carlos Sande, un mozo filloeiro que reclamaba “condicións idóneas” para que as mulleres conten coas mesmas oportunidades ca os homes en todos os eidos vitais, ao tempo que censuraba a existencia de “micromachismos que temos tan interiorizados que nin os cuestionamos”.
  • A mestra xubilada Dolores Allo inaugurou a serie ‘A Baña en feminino’ o pasado mes de xaneiro, co gallo do Día Internacional da Educación, falando das súas vivencias e dos avances que experimentou a sociedade nas últimas décadas de cara a acadar a igualdade.
  • Participará nun proxecto de intercambio de coñecemento e experiencias con cativas e cativos dos campamentos

voluntario web

O Concello da Baña oferta oito prazas de voluntariado sénior para desenvolver un proxecto de intercambio de coñecemento e experiencias con escolares. Os voluntarios, de 55 anos ou máis, compartirán tempo coas cativas e cativos dos campamentos para aprenderlles xogos e explicarlles todo aquelo que facían cando eran mozos, nunha época na que non había ordenadores nin móbiles.

O proxecto de voluntariado sénior, subvencionado pola Consellería de Política Social, basease na idea de intercambio xeracional. As crianzas, pola súa parte, amosaranlle aos maiores como xogan e viven hoxe en día.

Os voluntarios serán persoas de 55 anos ou máis, dinámicas, con gañas de lembrar o seu pasado e compartir as súas vivencias. Nunha primeira parte do proxecto, farán un traballo de recompilación de memorias e cousas relativas á súa nenez e á súa mocidade para lembrar xogos, os lugares onde quedaban, as festas ás que ían, que traballos facían, como moceaban... Logo, nunha segunda parte, explicaránllo ás pequenas e pequenos.

A iniciativa estenderase ao longo de sesenta sesións, de tres horas de duración cada unha. O traballo da segunda fase desenvolverase en horarios escolares, incluíndo madrugadores e recreos, e festivos.

As persoas interesadas en formar parte do voluntariado sénior poden inscribirse presencialmente na oficina de Cultura do Concello, chamando ao 981 886 501 ou escribindo á dirección Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. Tamén poden solicitar máis información polos mesmos medios.