• Fillo Predilecto do Concello, impulsou o uso do galego no eido da xustiza

O Concello da Baña homenaxeou esta mañá a Daniel García Ramos en San Vicenzo, coincidindo co 24 aniversario do seu pasamento, como lembranza a quen foi o primeiro maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que utilizou o galego nun procedemento xudicial. A concelleira de Cultura, Lorena Trillo, depositou un ramo de flores diante do busto de Daniel García en San Vicenzo, en presencia de Inmaculada Ramos e José Ramón Girón, tía e sobriño político de Daniel García e que se atopan entre os últimos familiares que lle quedan residindo no municipio. Asistiron tamén ao acto o alcalde, Andrés García, e o concelleiro César Ramos.

Nado na Baña en 1933 e Fillo Predilecto da localidade, Daniel García Ramos era fillo de mestres de escola e neto dun médico rural que lle inculcou o amor ao pobo e a entrega desinteresada. Viviu en San Vicenzo e en Marcende ata que os nove anos marchou estudar a Santiago e, logo xa de cursar a carreira de Dereito, a Madrid. Foi alí onde descubriu o galeguismo, que marcará toda a súa traxectoria. Catedrático e xuíz, desenvolveu o seu labor en distintas localidades galegas e españolas ata ser nomeado maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

O compromiso de Daniel García Ramos con Galicia e coa lingua lévao ao longo dos anos a ser primeiro membro fundador de Xuíces para a democracia, dende a que defende a utilización do galego na administración de xustiza, e despois a integrarse tamén en Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia, plataforma que propiciou que en 1987 un pequeno número de xulgados e notarías comezasen a utilizar a lingua galega. Destacouse tamén como un firme defensor da pluralidade e a democracia, ademais de reivindicar os montes comunais.

Morto no ano 1998 de forma prematura, A Baña nomeouno Fillo Predilecto en agosto do ano seguinte. Foi así mesmo recoñecido como Galego egrexio pola Fundación Premios da Crítica Galicia.

  • O concurso celebrarase o sábado 5 de marzo polas rúas de San Vicenzo

  • O prazo de inscrición para participar remata o 28 de febreiro

entroido1

A Baña celebrará o entroido 2022 cun gran concurso de disfraces que se desenvolverá o sábado 5 de marzo en San Vicenzo e que repartirá máis de 3.300 euros en premios entre os gañadores. As persoas interesadas en participar teñen de prazo ata o 28 de febreiro para formalizar a inscrición, de xeito telemático na sede electrónica do Concello ou presencialmente no Rexistro Xeral. Os menores de idade necesitarán a autorización do titor ou titora.

O desfile de disfraces iniciarase ás 16.30 horas e discorrerá pola rúa Rosalía de Castro, a Praza do Concello e a rúa Tedelle, cunha parada dun máximo de cinco minutos diante da casa consistorial para que os participantes poidan actuar e amosar as súas creacións.

Haberá seis categorías. As de carrozas e comparsas terán tres premios cada unha, valorados en 900€, 400€ e 150€ respectivamente. Para participar como carroza, o grupo terá un mínimo de dez persoas e todas ou unha parte deberán desprazarse sobre algunha plataforma móbil. As comparsas, pola súa parte, terán polo menos nove membros que representen a mesma temática.

Tamén se poderá concursar como grupo, formado por entre 3 e 8 persoas, e neste caso haberá un único premio dotado con 150 euros. Por último, os gañadores do resto das categorías (parella, individual infantil e individual adulto) levarán 100 euros.

O xurado valorará a orixinalidade dos disfraces, a realización artesanal, a maquillaxe, a interacción co público e, no caso das categorías grupais, tamén a organización e o traballo en equipo.

Os premios repartiranse ao remate do desfile nunha carpa onde se poderá gozar da animación dunha discoteca móbil e doutras sorpresas.

Nos arquivos que se achegan atoparás as bases do concurso, o formulario de inscrición e a autorización para a participación de menores.

  • As familias poderán gozar antes do espectáculo de circo e humor ‘Rogelio, un paiaso en recuperación’

20211227 cartel reis magos bo

Aínda que sen festa por causa do coronavirus e ao igual que aconteceu o ano pasado, os Reis Magos achegaranse ao pavillón polideportivo de San Vicenzo o vindeiro día 5 de xaneiro para recibir as peticións das nenas e nenos da Baña. As Súas Maxestades de Oriente saudarán a toda a cativada e virán con agasallos para cada un deles.

Antes da chegada dos Magos, prevista para as 17.30 horas, a compañía de circo AsSircópatas ofrecerá no mesmo pavillón o espectáculo de escapismo e humor ‘Rogelio, un paiaso en recuperación’. Para asistir, as persoas interesadas deberán reservar praza chamando ou mandando un wasap ao número de teléfono 981 88 65 01. A entrada é gratuíta.

  • O xefe territorial de Educación puido coñecer in situ as peticións que lle trasladaron a semana pasada o alcalde e o tenente alcalde nunha reunión na Coruña

20220113 Indalecio Cabana visita colexio Bana

O xefe territorial na Coruña da Consellería de Educación, Indalecio Cabana, visitou hoxe o CPI San Vicente onde puido coñecer in situ as necesidades que xa a semana pasada lle trasladaron o alcalde e o tenente alcalde nunha reunión no seu despacho na Coruña.

Acompañado polo alcalde, Andrés García Cardeso; a concelleira de Educación, Lorena Trillo, e a directora do centro, Mar Sueiro, Indalecio Cabana percorreu o CPI San Vicente e anunciou que a Consellería de Educación vai acometer proximamente obras para cambiar as cubertas e as ventás do colexio. Esta actuación mellorará considerablemente o confort do alumnado e a eficiencia enerxética do edificio, que se adaptará así as novas esixencias construtivas establecidas no Plan de nova arquitectura pedagóxica de Galicia.

Ademais das ventás, a Consellería tamén actuará sobre a fachada do edificio,, para incrementar o illamento e mellorar así a eficiencia enerxética do edificio.

Con esta visita ao colexio, Indalecio Cabana puido comprobar persoalmente as peticións de mellora que lle propuxeron o pasado día 3 o alcalde e o tenente de alcalde da Baña nunha reunión celebrada na Coruña, e que recollía as peticións da comunidade educativa.

20220103 Garcia Cardeso Cesar Ramos Indalecio Cabana

O alumnado da Escola Municipal de Música da Baña felicítalle este ano as festas a toda a veciñanza ofrecendo o seu tradicional concerto de Nadal de xeito telemático. A situación da covid-19 desaconsellaba facer as actuacións presenciais, para evitar aglomeracións de familiares e amigos no auditorio da escola, polo que se animaron a ofrecer as súas interpretacións a través das redes sociais.

Co apoio do profesorado, nenas e nenos que acoden a Escola de Música da Baña, que dirixe Martín Pose Pérez, gravaron as súas actuacións de xeito individual. O vídeo con todos os traballos pódese ver na canle de Youtube do Concello da Baña (preme aquí)

20211223 Grupo Vocal Infantil Escola Musica Bana