• Trátase da primera iniciativa destas características na comarca de Barcala

  • O sendeiro, debidamente sinalizado, é circular e ten 7,5 quilómetros de percorrido

  • Visita os lugares da parroquia de Cabana nos que está ambientada a trama

  • Podes descargar os tracks da ruta neste enlace (preme aquí)

ruta literaria1O Concello da Baña inaugurou o domingo de forma oficial a ruta literaria ‘As rapazas de Xan’, que percorre os lugares da parroquia de Cabana nos que está ambientada a trama da novela homónima do escritor bañés Manuel Iglesias Turnes. Trátase da primeira iniciativa destas características na comarca da Barcala. O vídeo promocional e os tracks da ruta pódense descargar neste enlace (preme aquí)

O alcalde da Baña, José Manuel Pereira; outros membros da corporación municipal; e representantes da Asociación de Veciños San Miguel de Cabanas e do Club de Lectura Barcala en Galego tomaron parte neste acto, que viu reducida a concorrencia a só dez persoas por causa do covid-19. O propio novelista, Manuel Iglesias Turnes, foi o encargado de guiar aos asistentes lembrando pasaxes da súa obra e as conexións cos distintos puntos do percorrido.

ruta literaria2

José Antonio Pereira lembrou que a primeira intención do Goberno municipal foi inaugurar esta ruta o 15 de maio xunto ao alumnado do CPI San Vicente da Baña, coincidindo coa tradicional Andaina polas Letras, e que a pandemia obrigou a suspendela.

O rexidor local subliñou que, non obstante, a inauguración levouse a cabo finalmente no mes ao que a Real Academia Galega decidiu trasladar a homenaxe ás nosas letras e tamén na semana na que se celebrou o Día das Mulleres Rurais, tan presentes na novela. “Non pode haber mellor obra ca de As rapazas de Xan para homenaxear a resiliencia das nosas mulleres do campo; mulleres que aparecen retratadas na novela nunha das épocas máis difíciles, a da posguerra”, manifestou.

A ruta, circular e sen dificultades técnicas, se atopa xa debidamente sinalizada ao longo dos seus 7,5 quilómetros de percorrido e permite coñecer tanto as localizacións rurais polas que transcorre a obra, como o xeito no que se viviu a posguerra e costumes e tradicións da zona.

RUTA02

 A ruta literaria ‘As rapazas de Xan’ conta tamén cun vídeo promocional, que pode verse na canle de Youtube do Concello da Baña e no que Manuel Iglesias Turnes nos leva por algunhas das casas de Cabanas nas que vivían as personaxes e as paraxes que visita o sendeiro e son significativas na acción da obra.

Os tracks da ruta pódense descargar neste enlace (preme aquí)