• sta senda circular de 9 quilómetros percorre a zona na que vivían as personaxes que Manuel Iglesias Turnes recolle no libro

  • O propio autor explica onde vivían os protagonistas

  • O Concello conmemora o Día das Letras Galegas con este documental, ao non poder organizar unha andaina co alumnado do CPI San Vicente e coa veciñanza pola crise da COVID-19

 

O Concello da Baña estrea hoxe un documental sobre a Ruta literaria As rapazas de Xan, que percorre a parroquia de Cabanas amosando os lugares onde vivían as personaxes que Manuel Iglesias Turnes recolleu no seu libro, do mesmo nome, editado por Xerais Narrativa en 2012. Con este vídeo, o Concello conmemora o Día das Letras Galegas dun xeito diferente, ao non poder organizar unha andaina prevista para hoxe co alumnado do CPI San Vicente e coa veciñanza para inaugurar esta ruta de sendeirismo. 

“Con este vídeo amosamos algunhas das paraxes que hai en Cabanas e animamos os amantes da natureza a que, en canto poidan, veñan camiñar por esta ruta e descubrir algúns dos segredos do libro”, afirma a concelleira de Cultura da Baña, Mónica González.

No vídeo, que se pode ver na web e na canle de Youtube do Concello da Baña, o propio autor da novela amosa algúns dos lugares nos que transcorre a trama de As rapazas de Xan, que narra unha historia de amor entre Manuel e Carmela que se sitúa durante os tempos da posguerra en Cabanelas (Cabanas) entre malla e malla. Manuel Iglesias Turnes amosa no vídeo algunhas das casas de Cabanas onde vivían as personaxes (as casa do Carreiro, de Roque, de Xan de María, de Bras, de Xirome), e tamén algúns dos lugares que se visitan durante a ruta e que son significativos na propia novela.

Dende Palleiros, comezo da ruta, hai unha visual xeral tanto de Cabanas (Cabanelas na novela) como da agra onde transcorre a novela. Sobredochán, o agro da Xesteira (onde Abel lle pega dous tiros a Sidoro, o violador da súa irmá), o Muíño do Medio, a carballeira do igrexario, a reitoral e o campo da festa de Cabanas son outros dos lugares que se poden ver no vídeo, producido por Alicentis SL con guión de Carme Pereiro, técnica de normalización lingüística do Agrupamento A Baña-Negreira.

RutaLiteraria RapazasDeXan web02

Manuel Iglesias Turnes describe na novela o complexo tecido de relacións que compoñen a vida na aldea de Cabanelas nos difíciles tempos da posguerra, marcada pola ausencia de futuro e coa emigración como unha das saídas máis favorables. O vídeo remata tamén no monte de Pedra Longa, dende onde Xan, cheo de amargura, viu marchar para Montevideo a súa filla e a súa neta.

Ademais de conmemorar o Día das Letras Galegas ao destacar as obras dos autores locais (Manuel Iglesias Turnes é natural de Cabanas), con este vídeo o Concello da Baña quere poñer en valor o rural como lugar para vivir, e resaltar a calidade de vida e excelentes paisaxes que se poden gozar nunha aldea como Cabanas. “En tempos como os que estamos a vivir axúdannos a valorar a importancia do que temos máis preto”, sinala Mónica González, quen anima a todos os amantes da natureza a facer esta ruta literaria por Cabanas en canto a situación o permita. 

20200515 RutaLiteraria AsRapazasDeXan

O Concello da Baña ten xeolocalizada esta ruta circular, que pasa por Cabanas e Guimaráns, de 8,76 km de lonxitude e con apenas desniveis (a altitude oscila entre os 138 e os 490 metros). Os tracks para facer o percorrido pódense descargar nos arquivos adxuntos.

Una vez descargado, o arquivo 'RutaRapazasXan_Cabanas.kml' pódese executar en Google Earth para facer a ruta. Google Earth pódese descargar neste enlace (preme aquí)

Attachments:
Download this file (RutaRapazasXan_Cabanas.gpx)RutaRapazasXan_Cabanas.gpx[ ]15 kB
Download this file (RutaRapazasXan_Cabanas.kml)RutaRapazasXan_Cabanas.kml[ ]7 kB
Download this file (Ruta_AsRapazasDeXan_Cabanas.pdf)PDF_rutaliteraria_AsRapazasDeXan[PDF_rutaliteraria_AsRapazasDeXan]259 kB