O Concello da Baña e a Escola Infantil de Lañas súmanse á iniciativa de conmemorar o 24 de febreiro, Día de Rosalía, tal como xa o levan facendo desde o pasado venres outros concellos, centros educativos, asociacións…

A actividade consistiu en gravar o alumnado da citada escola recitando o poema “Adios ríos, adios fontes” de Cantares Gallegos en conxunto e individualmente.

Os obxectivos desta iniciativa son conmemorar o Día de Rosalía, fomentar o interese pola poesía, favorecer a expresión oral e xestual, presentarlle a nenos e nenas de infantil a figura desta gran poetisa galega e potenciar o uso da lingua galega desde a infancia.

A actividade tivo unha boa acollida entre os/as participantes.

Autor: Xosé Neira Vilas
Título: Memorias dun neno labrego
Data de lectura:

xaneiro de 2013

Resumo:

“Eu non sei se desvarío. Vexo o mundo darredor de min e adoezo por entendelo. Vexo sombras e luces, nubeiros que viaxan, lume, árbores. ¿Que é todo isto? Ninguén me di, poño por caso, para que sirven as estrelas nin onde morren os paxaros. Sei de certo que moitísimos anos antes de nacer eu xa había sol e penedos e fuxía a auga polo río. E esto seguro de que todo seguirá igual despois que eu morra. Virá máis xente e máis, tripando uns nos outros, esquecéndose adrede dos que morreron, como se non houbesen vivido.

Escribir no caderno –¡quen o diría!- é coma baldeirar o corazón. Parece un milagre, pois ó fin de contas non pasa de ser unha conversa comigo mesmo. Pero para min é milagre todo, dende as pingueiras da chuvia ata o canto do grilo.”

(Edicios do Castro do Grupo Sargadelos)

Autor: Xosé Neira Vilas
Título: Esperando o leiteiro
Data de lectura:

xaneiro de 2013

Resumo:

“A mediados do século XX, un mozo campesiño vai emigrar a Buenos Aires. Coa maleta ao lombo, camiña sete quilómetros; perdeu o coche de liña e confía en que o leve o camión que recolle o leite. Mentres agarda a chegada do leiteiro, o mozo fai un reconto da súa vida, cos seus traballos, xogos, amores, miserias e soños. Xosé Neira Vilas (Gres, 1928) escribe un intenso monólogo interior que non cesa ata que, por fin, o protagonista emprende o camiño.”

(Editorial Galaxia)

A escolla destes libros neste mes vén motivada pola visita ao concello da Baña que ten prevista o autor Xosé Neira Vilas para inaugurar a exposición Querido Balbino.

Na próxima sesión que será o 5 de marzo de 2013 en horario de 16.00 a 17.00 h na casa de cultura do Concello da Baña compartiremos a nosa opinión sobre os libros e escolleremos a/s seguinte/s lectura/s.

Todas aquelas persoas que estean interesadas en participar poden achegarse pola casa de cultura na data citada ou enviar os seus comentarios a través do blog do Servizo de Normalización Lingüística (snl.concellodabana.es) ao que poden tamén acceder a través da páxina web do Concello da Baña (www.concellodabana.es).

Autor: S. E. Hinton
Título: Rebeldes
Data de lectura:

decembro de 2012

Resumo:

Rebeldes é unha das primeiras novelas que nos tempos actuais trata sen disimulos a cuestión da delincuencia xuvenil. Escrita cando a autora contaba só dezasete anos e levada ao cine por Francis F. Coppola (quen realizou, tamén a partir dunha novela de S. E. Hinton, o seu éxito máis recente, A lei da rúa), relata a aventura na que se ven metidos un par de adolescentes dos suburbios de Nova York por mor da inimizade entre bandas.

Despois dunha pelexa con motivos que habería que detectar nas diferenzas sociais e económicas, Ponyboy e Johnny teñen que fuxir ser seren verdadeiramente culpables. Durante a súa breve aventura fóra da lei toman parte nunha acción dunha heroicidade que atopa eco nos xornais. Pero despois da súa heroicidade e da fama conseguida, o protagonista pasa da adolescencia á madureza de maneira traumática e consciente, aprendendo novas leccións necesarias para a supervivencia…”

(Xuvenil Alfaguara)

Autor: Michel Tournier
Título: Venres ou a vida salvaxe
Data de lectura:

xaneiro de 2013

Resumo:

“Robinsón, o home que organiza “civilizadamente” o seu vivir solitario nunha illa deserta, atópase con que ten moito que aprender de Venres, o “salvaxe” que chega cabo del. Velaquí unha visión actualizada do mito robinsoniano: os chamados salvaxes son persoas cunha civilización diferente da nosa.

A actitude de superioridade de Robinsón con Venres agacha o racismo máis inxenuo e unha patética incultura. Ben mirado, o diálogo de Robinsón e Venres é o problema Norte-Sur, a tensión entre os países industrializados e o terceiro mundo.”

(Edicións Xerais de Galicia)

Autor: Antón Castro
Título: A lenda da cidade asolagada
Data de lectura:

xaneiro de 2013

Resumo:

“Estevo non é un neno normal, xa desde ben pequerrecho empezárase a advertir nel algo raro que o facía distinto aos demais. Cidre Oután, o cego de Baladouro, foi quen predixo o porvir de Estevo, púxolle o nome, e regaloulle o Libro vermello. Soamente Estevo é capaz de ler no Libro vermello; para todos os demais as letras fanse invisibles. É nas páxinas do libro onde Estevo atopa misterios, segredos, aprende a arranxar desfeitas, curar feridas e vivir marabillosas aventuras, como descubrir a Lenda da cidade asolagada.

(Edicións Xerais de Galicia)

Na próxima sesión que será o 5 de febreiro de 2012 en horario de 16.00 a 17.00 h na casa de cultura do Concello da Baña compartiremos a nosa opinión sobre os libros e escolleremos a/s seguinte/s lectura/s.

Todas aquelas persoas que estean interesadas en participar poden achegarse pola casa de cultura na data citada ou enviar os seus comentarios a través do blog do Servizo de Normalización Lingüística (snl.concellodabana.es) ao que poden tamén acceder a través da páxina web do Concello da Baña (www.concellodabana.es).

A mostra Querido Balbino, 1961-2011. 50 anos de Memorias dun neno labrego,que conmemora o cincuenta aniversario deste libro, permanecerá aberta no concello da Baña desde o 24 de xaneiro ata o 12 de febreiro en horario de 16.00 a 20.00 h de martes a sábado. Esta iniciativa de Política Lingüística vai ser inaugurada polo autor da obra Xosé Neira Vilas, polo secretario xeral de Política Lingüística Valentín García, polo alcalde da Baña José Andrés García Cardeso e por outras autoridades, o xoves, 14 de febreiro, ás 11.30 h.

A continuación, o alumnado de secundaria e de terceiro ciclo de primaria do CPI San Vicente da Baña participará nun coloquio con Neira Vilas que xirará en torno á súa obra e principalmente a Memorias dun neno labrego. A este coloquio vaise sumar o Obradoiro de Emprego Xallas-Barcala-Dubra e tamén todas aquelas persoas interesadas en coñecer de primeira man a figura e a obra do citado autor.

Ficheiros: 

CARTEL_QUERIDO_BALBINO.pdf

ANUNCIO DE CURSO DE LINGUA GALEGA (CELGA 3)

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello da Baña vai organizar un curso de lingua galega (Celga 3) para persoas adultas de acordo coa Resolución do 27 de decembro de 2012, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se anuncian, con carácter voluntario e gratuíto, cursos de lingua galega preparatorios para as probas dos niveis Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4, para particulares (adultos) e colectivos de Galicia, no ano 2013 (ED104B e ED104D) da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Inscrición

Todas as persoas interesadas poden inscribirse e informarse nos teléfonos do Concello 981 886 501 e 607 153 604 no SNL ou a través do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. antes do 23 de xaneiro en horario de oficina.

Admisión e prazas

O curso ten un límite de 30 prazas.

As solicitudes serán admitidas por orde de inscrición.

Para poder solicitar o curso, é necesario un mínimo de 20 persoas preinscritas.

Lugar e horario

O curso realizarase nas Escolas Vellas, de luns a xoves, en horario de 20.00 a 22.00 h; comezará o 18 de marzo e rematará a finais de maio.