Autor: S. E. Hinton
Título: Rebeldes
Data de lectura:

decembro de 2012

Resumo:

Rebeldes é unha das primeiras novelas que nos tempos actuais trata sen disimulos a cuestión da delincuencia xuvenil. Escrita cando a autora contaba só dezasete anos e levada ao cine por Francis F. Coppola (quen realizou, tamén a partir dunha novela de S. E. Hinton, o seu éxito máis recente, A lei da rúa), relata a aventura na que se ven metidos un par de adolescentes dos suburbios de Nova York por mor da inimizade entre bandas.

Despois dunha pelexa con motivos que habería que detectar nas diferenzas sociais e económicas, Ponyboy e Johnny teñen que fuxir ser seren verdadeiramente culpables. Durante a súa breve aventura fóra da lei toman parte nunha acción dunha heroicidade que atopa eco nos xornais. Pero despois da súa heroicidade e da fama conseguida, o protagonista pasa da adolescencia á madureza de maneira traumática e consciente, aprendendo novas leccións necesarias para a supervivencia…”

(Xuvenil Alfaguara)

Autor: Michel Tournier
Título: Venres ou a vida salvaxe
Data de lectura:

xaneiro de 2013

Resumo:

“Robinsón, o home que organiza “civilizadamente” o seu vivir solitario nunha illa deserta, atópase con que ten moito que aprender de Venres, o “salvaxe” que chega cabo del. Velaquí unha visión actualizada do mito robinsoniano: os chamados salvaxes son persoas cunha civilización diferente da nosa.

A actitude de superioridade de Robinsón con Venres agacha o racismo máis inxenuo e unha patética incultura. Ben mirado, o diálogo de Robinsón e Venres é o problema Norte-Sur, a tensión entre os países industrializados e o terceiro mundo.”

(Edicións Xerais de Galicia)

Autor: Antón Castro
Título: A lenda da cidade asolagada
Data de lectura:

xaneiro de 2013

Resumo:

“Estevo non é un neno normal, xa desde ben pequerrecho empezárase a advertir nel algo raro que o facía distinto aos demais. Cidre Oután, o cego de Baladouro, foi quen predixo o porvir de Estevo, púxolle o nome, e regaloulle o Libro vermello. Soamente Estevo é capaz de ler no Libro vermello; para todos os demais as letras fanse invisibles. É nas páxinas do libro onde Estevo atopa misterios, segredos, aprende a arranxar desfeitas, curar feridas e vivir marabillosas aventuras, como descubrir a Lenda da cidade asolagada.

(Edicións Xerais de Galicia)

Na próxima sesión que será o 5 de febreiro de 2012 en horario de 16.00 a 17.00 h na casa de cultura do Concello da Baña compartiremos a nosa opinión sobre os libros e escolleremos a/s seguinte/s lectura/s.

Todas aquelas persoas que estean interesadas en participar poden achegarse pola casa de cultura na data citada ou enviar os seus comentarios a través do blog do Servizo de Normalización Lingüística (snl.concellodabana.es) ao que poden tamén acceder a través da páxina web do Concello da Baña (www.concellodabana.es).