20191107 Xuntos NadalA Xunta de Galicia abre ata o 15 de novembro o prazo de presentación de solicitudes para participar nunha nova edición do programa Xuntos polo Nadal, destinado ás persoas maiores de 60 ou máis anos que se atopan soas nestas datas, ben pola carencia de familiares ou amigos, a perda do seu cónxuxe ou por outras circunstancias. A principal novidade deste ano é que se habilita como punto de destino o Complexo Residencia Xuvenil Lug II, en Lugo, que se suma así ás Residencias de Tempo Libre do Carballiño, en Ourense, e de Panxón, en Nigrán.

O número de prazas ofertadas mantense en 260, distribuídas do seguinte xeito: 105 na residencia do Carballiño para persoas procedentes das provincias de Ourense e Pontevedra; outras 105 no centro de Panxón para os maiores que veñan da provincia da Coruña; e 50 nas instalacións xuvenís Lug II para aqueles que sexan da provincia de Lugo. A duración do programa dará cobertura a toda a época do Nadal, ao comezar o día 23 de decembro de 2019 e rematar o día 7 de xaneiro de 2020.

Xuntos polo Nadal inclúe estancia durante 16 días (15 noites) con aloxamento en habitacións compartidas e manutención en réxime de pensión completa e actividades de animación sociocultural. Tamén está contemplado tanto o desprazamento en autobús desde diversos puntos de Galicia ata o centro residencial adxudicado como o regreso. A recollida das persoas participantes efectuarase o 23 de decembro polo tarde e a volta será o día 7 de xaneiro despois do almorzo.

Infórmate sobre todos os detalles do programa na páxina web da Xunta de Galicia

20191101 IMG 5215

O alumnado do Punto de Atención á Infancia (PAI) da Baña gozou onte coa festa do Samaín. Dende primeira hora estiveron traballando na decoración do centro e nunha exposición de cabazas na que colaboraron as familias. 

Tamén elaboraron ‘pastas terroríficas’ de Samaín (con forma de pantasmas, caveiras, ósos….) que degustarían ao rematar a xornada nunha merenda na que tampouco faltaron os biscoitos e pastas de cabaza. 

Nenas e nenos levaron para a casa unhas axendas personalizadas que lles regalaron dende o Concello da Baña por participar na actividade da exposición de cabazas.

Album de fotos no Facebook do Concello da Baña (neste enlace)

20190912 Cartel Cursos PinturaO Concello da Baña organiza clases de debuxo e pintura para o curso 2019/20. Silvia Capelo, licenciada en Belas Artes, impartirá a partir do mércores, 2 de outubro, no local das escolas vellas, de 17.30 a 19.00 horas, este curso dirixido a nenos e nenas, que se repetirá cada mércores no mesmo horario e localización. Os xoves, de 17.00 a 18.00 horas no local da terceira idade, será a quenda da actividade para persoas adultas.

Para máis información, ponse a disposición das persoas interesadas o número de teléfono 697 342 138 (admite mensaxes por WhatsApp).

20190924 I CAMPIONATO DE BILLARRO Concello da Baña celebra este sábado, 28 de setembro, o I Campionato de Billar "Maiores" a partir das 15.00 horas, no centro social da terceira idade do municipio.

O prazo de inscrición remata o venres 27 de setembro e pode facerse no mesmo centro de forma pesencial, ou chamando ao 628 022 765.

 

20190629 apertura piscina municipal 01O verán está chegando ao seu fin e por iso a piscina municipal da Baña xa ten data de clausura. Estas instalacións municipais permanecerán abertas ata o vindeiro domingo 15 de setembro, despois de máis de dous meses a disposición da veciñanza.

Ata entón, o horario continuará sendo o xa estipulado para o mes de setembro (de 15.30 a 20.30 horas).