• Fillo Predilecto do Concello, impulsou o uso do galego no eido da xustiza

O Concello da Baña homenaxeou esta mañá a Daniel García Ramos en San Vicenzo, coincidindo co 24 aniversario do seu pasamento, como lembranza a quen foi o primeiro maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que utilizou o galego nun procedemento xudicial. A concelleira de Cultura, Lorena Trillo, depositou un ramo de flores diante do busto de Daniel García en San Vicenzo, en presencia de Inmaculada Ramos e José Ramón Girón, tía e sobriño político de Daniel García e que se atopan entre os últimos familiares que lle quedan residindo no municipio. Asistiron tamén ao acto o alcalde, Andrés García, e o concelleiro César Ramos.

Nado na Baña en 1933 e Fillo Predilecto da localidade, Daniel García Ramos era fillo de mestres de escola e neto dun médico rural que lle inculcou o amor ao pobo e a entrega desinteresada. Viviu en San Vicenzo e en Marcende ata que os nove anos marchou estudar a Santiago e, logo xa de cursar a carreira de Dereito, a Madrid. Foi alí onde descubriu o galeguismo, que marcará toda a súa traxectoria. Catedrático e xuíz, desenvolveu o seu labor en distintas localidades galegas e españolas ata ser nomeado maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

O compromiso de Daniel García Ramos con Galicia e coa lingua lévao ao longo dos anos a ser primeiro membro fundador de Xuíces para a democracia, dende a que defende a utilización do galego na administración de xustiza, e despois a integrarse tamén en Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia, plataforma que propiciou que en 1987 un pequeno número de xulgados e notarías comezasen a utilizar a lingua galega. Destacouse tamén como un firme defensor da pluralidade e a democracia, ademais de reivindicar os montes comunais.

Morto no ano 1998 de forma prematura, A Baña nomeouno Fillo Predilecto en agosto do ano seguinte. Foi así mesmo recoñecido como Galego egrexio pola Fundación Premios da Crítica Galicia.