-
Os populares votaron en contra e Compromiso abstívose na proposta da alcaldía que propoñía para o goberno 5.800 euros menos de retribucións anuais das que tiña o PP
-
A sesión extraordinaria desta noite aprobou por unanimidade a crear unha comisión informativa única e a especial de Contas
-
Tamén se rexeitou a designación de representantes en órganos colexiados
-
Vídeo íntegro do pleno: https://youtu.be/l6LloGsojMc
O pleno da Baña volveu rexeitar esta tarde noite os salarios propostos polo equipo de goberno socialista (en minoría con 4 concelleiros), cos votos en contra do Partido Popular (5) e a abstención de Compromiso por Galicia (2), a pesar de que a proposta era que o alcalde, José Antonio Pereira, e a concelleira de Educación, Mónica González, cobrasen en conxunto 5.800 euros menos ao ano do que tiñan asignado no anterior mandato o goberno do PP. Tamén foi rexeitada a designación de representantes nos órganos colexiados, ao pedir CxG ter representación na Fundación de Discapacitados da Comarca de Barcala. O vídeo íntegro da sesión pódese ver no canal de Youtube do Concello da Baña (neste enlace).
Por unanimidade aprobouse a creación dunha comisión informativa única e máis a comisión especial de Contas (esta é obrigatoria por lei) e tamén as compensacións que recibirán os concelleiros por asistir aos plenos e as comisións, que serán de 75 euros por cada sesión.
As comisións contarán con 5 concelleiros cada unha, segundo a representatividade no pleno: 2 do PSdeG, 2 do PP e 1 de CxG. O punto aprobouse por unanimidade. Partido Popular e Compromiso tamén votaron a favor de asignar 75 euros por asistencia a cada comisión e pleno. Andrés García Cardeso (PP) sinalou que “vía razoable a cantidade ao ser a mesma que na lexislatura anterior”.
As primeiras discrepancias chegaron na designación de representantes do Concello en órganos colexiados. Aquí César Ramos esixiu un representante de Compromiso por Galicia na Fundación de Discapacitados da Comarca de Barcala (a proposta incluía ao alcalde e a concelleira de Educación). Ao ser unha sesión extraordinari, o secretario considerou que non había lugar a presentar no pleno propostas alternativas.
Tanto dende o PP como dende CxG sinalaron que ao non poder presentar unha alternativa votarían en contra. O alcalde, José Antonio Pereira (PSdeG) recordoulles que convocou aos portavoces a unha reunión 4 días antes de convocar o pleno para consensuar os puntos a tratar na sesión, e que os chamou dous días antes “pero non existiu resposta nin do PP nin de Compromiso. Como non somos adiviños trouxemos esta proposta”, dixo o alcalde. PP e CxG votaron en contra, polo que a proposta deberá debaterse noutro pleno.
Os salarios do equipo de goberno
O maior enfrontamento chegou no debate sobre os salarios propostos polo equipo de goberno para a dedicación exclusiva do alcalde, José Antonio Pereira (36.000 euros brutos anuais) e a parcial da concelleira de Educación, Cultura, Servizos Sociais e Deporte, Mónica González (12.000 euros anuais). Compromiso por Galicia (2) abstívose sen dar ningunha explicación e o PP (5) votou en contra.
Andrés García Cardeso, recoñeceu que este era o punto de discordia e que o PP non ía ser apoio para a alcaldía, que contou co apoio doutro grupo para ser alcalde. “Vostedes din que somos polos opostos, como a auga e o aceite. No último mes, dende o pleno de organización, o que non se pode é humillar e faltar a dignidade e faltar ao respecto a este grupo por cuestións que traeremos ao pleno no momento oportuno”, dixo Cardeso anunciando o voto en contra.
José Antonio Pereira replicoulle que “politicamente somos polos opostos, aínda que persoalmente teñamos unha relación cordial”. Pereira explicoulle García Cardeso que propoñía un soldo para o alcalde de 36.000 euros brutos anuais, “cando vostede viña cobrando 41.416 euros e ademais cobraba como deputado provincial por asistir ás sesións. Para a concelleira de Educación popoñemos 12.000 euros brutos, cando co PP viña cobrando 12.390”. Segundo o alcalde socialista, “en total vimos mantendo un aforro de 5.806 euros anuais polas dedicacións do equipo de goberno, que entendemos é un salario xusto”.
Mónica González recordoulle ao PP que si se sentiron humillados ou que se lles faltou ao respecto deberían “acudir a outras vías e denunciar a situación”, ao tempo que lle recriminou a García Cardeso “non ter un só argumento obxectivo para votar en contra dos salarios propostos cando cobraríamos menos do que viñan cobran vostedes”.
Aínda que dixo que levarán estes temas ao pleno no momento oportuno, García Cardeso adiantou que a unha compañeira se lle quitou dunha rede social despois de estar ao fronte da escola de música. O alcalde, replicoulle que se quitara dun grupo de whatsapp porque a ex concelleira non tiña ningunha filla nese grupo e tampouco tiña responsabilidade na escola de música.
Para tentar convencer a Compromiso por Galicia, José Antonio Pereira asegurou que lle ensinara ao portavoz, César Ramos, a nómina que viña cobrando na empresa privada que traballaba, e que a proposta incluía sobre un 15% máis de dita nómina.
César Ramos, que non ía intervir neste punto, replicoulle ao alcalde que “no anterior pleno eu falei de cobrar un 5 ou 10% máis, non un 15 ou un 20%. Vostede debe asumir a realidade do Concello da Baña”, dixo referíndose a José Antonio Pereira.
Na votación, o equipo de goberno votou a favor (4), o PP en contra (7) e CxG (2) abstívose, polo que a proposta foi rexeitada.