• A concelleira Mónica González Blanco participou na presentación do programa, que inclúe obradoiros de improvisación oral en galego para alumnado de 5º e 6º de primaria e da ESO

  • O certame de regueifas en vídeo, aberto a toda a cidadanía, terá o prazo de inscrición do 1 de marzo ao 6 de abril de 2027

20261117 Enregueifate

O Concello da Baña súmase este curso ao Enreguéifate, un proxecto que achega a regueifa á mocidade e fomenta o uso do galego a través da improvisación oral en verso. A Baña e Narón incorpóranse este ano á iniciativa, que impulsan xunto cos concellos de Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo a través dos seus servizos de normalización lingüística.

A concelleira de Acción Social, Cultura e Servizos á Cidadanía da Baña, Mónica González Blanco, participou este martes, 17 de novembro, na presentación da décima edición, que leva por lema Enreguéifate, construíndo patrimonio. Durante o acto, destacou a diversidade de idades e de xénero das persoas formadoras que achegarán ao alumnado a improvisación oral en galego.

Desde finais de novembro ata marzo de 2027, o proxecto ofrecerá máis de 80 obradoiros no conxunto dos oito concellos, dirixidos a alumnado de 5º e 6º de primaria e da ESO. Profesionais da regueifa guiarán as sesións, nas que o alumnado poderá practicar como improvisar versos en galego. A programación comezou en outubro cunha xornada de formación para o profesorado no Pazo da Cultura de Pontevedra.

O certame de regueifas en vídeo contará cunha categoría escolar e outra xeral. Para participar, cómpre enviar un vídeo de ata tres minutos no que, como mínimo, dúas persoas regueifen en galego sobre un tema libre. A inscrición poderá facerse do 1 de marzo ao 6 de abril de 2027 na web do Enreguéifate, onde tamén se publicarán as bases. A entrega de premios terá lugar o 27 de abril, ás 11.30 horas, no Pazo da Cultura de Carballo.

Nesta edición, o Enreguéifate tamén comezará a recadar apoios para a candidatura da improvisación oral en verso como Ben de Interese Cultural (BIC).