O venres 10 de xullo celébrase a Festa do Apego, promovida por terceiro ano consecutivo polo Servizo de Normalización Lingüística dos concellos da Baña e de Negreira para fomentar a crianza na nosa lingua. As actuacións musicais de Cé Orquestra Pantasma e de Uxía Lambona e a Banda Molona centran o programa da festa, que terá lugar no refuxio de Covas, en Negreira.
Os espectáculos darán comezo ás 17.30 horas coa actuación de Cé Orquestra Pantasma, que presentará as músicas recollidas en Fíos do querer. Trátase dun traballo discográfico que xunta vinte e catro cancións para "xogar, cantar e bailar cos nenos de colo", dirixidas a crianzas de 0 a 3 anos. As familias poderán bailar ao son de temas como 'Que ricos os bicos', 'Palmiñas' ou 'De festa'.
A seguir, ás 18.30 horas está prevista a actuación de Uxía Lambona e a Banda Molona. A banda de música infantil presentará os temas do seu terceiro disco, Astronauta sideral: cancións espaciais onde os nenos, as nenas e os extraterrestres bailarán a ritmo de cumbia, ska, rock & roll e outros estilos musicais que recuperan e actualizan a música tradicional.
A festa do proxecto Apego no Val de Barcala é unha iniciativa que busca incentivar e facilitar a socialización en galego das nenas e dos nenos desde a primeira infancia. A de 2020 é a terceira que se celebra: comezou en 2018 no refuxio de Covas en Negreira cun grande éxito de participación; o ano pasado tivo lugar na área recreativa de Chans na Baña; e agora regresa a Covas, alternando deste xeito os lugares de celebración entre os dous concellos e fortalecendo así os lazos de unión entre as familias.
No caso de choiva, as actuacións da Festa do Apego 2020 trasladarase ao auditorio municipal de Negreira. Organizada polos concellos da Baña e de Negreira a través do Servizo de Normalización Lingüística, conta co apoio da Deputación da Coruña.