• A actividade, dirixida a mozas e mozos de 12 a 18 anos, desenvolverase do 13 ao 31 de xullo no Local Social de San Vicenzo

  • O prazo para presentar as solicitudes remata o vindeiro 17 de xuño e as prazas están limitadas a un total de 20 participantes

  • O programa inclúe actividades educativas, culturais e de fomento de valores, con bonificacións especiais nas taxas para familias con menos recursos

 WhatsApp Image 2026 06 05 at 15.51.35

O Concello da Baña, a través Concellería de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía, abre a convocatoria para o Campamento Xuvenil de Verán 2026. Este programa, consolidado como un espazo para a conciliación e o ocio educativo no municipio, ofrecerá á mocidade un amplo abano de actividades lúdicas, sociais e culturais durante o mes de xullo.

O campamento está dirixido a mozas e mozos con idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos. As actividades levaranse a cabo entre os días 13 e 31 de xullo, en horario de mañá (de 09.00 a 14.00 horas), tendo como sede principal o Local Social de San Vicenzo da Baña, aínda que tamén se fará uso doutras instalacións municipais como o pavillón ou a axencia de lectura.

Inscricións e criterios de acceso

O prazo para apuntarse xa está aberto e as familias interesadas terán ata o vindeiro 17 de xuño para presentar as súas solicitudes. Estas deberán entregarse asinadas polos proxenitores ou titores legais a través do Rexistro Xeral do Concello ou de xeito telemático na Sede Electrónica (https://sede.concellodabana.gal/).

O campamento conta cun total de 20 prazas. No caso de que a demanda supere a oferta, as bases establecen un sistema de prioridades que prima, en primeiro lugar, ás familias totalmente empadroadas na Baña, seguido dos fillos/as do persoal municipal e, por último, de mozos non censados. De ser necesario, realizaríase un sorteo público.

Prezos públicos e bonificacións sociais

As tarifas están reguladas segundo a ordenanza fiscal do municipio. Para as persoas empadroadas, o prezo do primeiro fillo/a será de 60 €, 48 € para o segundo e 30 € a partir do terceiro. No caso de non censados, os prezos van desde os 90 € ata os 45 €.

Ademais, cun marcado carácter social, o Concello contempla bonificacións especiais (reducindo a taxa á metade: 30 €, 24 € e 15 € respectivamente) para aquelas familias empadroadas cuxos ingresos non superen dúas veces o IPREM, previo informe dos Servizos Sociais.

O pago da taxa deberase realizar nos sete días naturais posteriores á publicación da listaxe definitiva de admitidos.

Desde o Concello da Baña lémbrase que toda a documentación necesaria (ficha de inscrición, tarxeta sanitaria e anexos médicos e de autorizacións) xa está dispoñible para a súa descarga na web municipal.

Consulta as bases e descarga o formulario de inscrición nos documentos adxuntos. 

Para máis información:

  • Concello da Baña - Servizos Sociais
  • Teléfonos: 981 886 501 / 981 886 516
  • Correo electrónico: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.