- Detalles
- Escrito por evelb_admin
- Categoría: Xuventude
- Visitas: 2839

O Concello da Baña programou para o verán de 2018 unha serie de actividades para facilitar á veciñanza o goce da temporada estival. Tres campamentos para a infancia e a mocidade e a apertura da piscina municipal, que terá lugar o próximo luns, son as accións estrela para facilitar o ocio e a conciliación nos meses de vacacións escolares.
Durante o mes de xullo celebrarase un campamento lúdico-deportivo na área recreativa de Agra de Chans, dirixido a nenos e nenas a partir de 4 anos. Para participar no mesmo hai que estar inscrito nos cursos de natación. O custe da actividade, incluíndo o curso de natación, é de 30 euros, o horario vai das 9:00 ás 14:00 horas e a inscrición pode realizarse ata o xoves 28 de xuño na Concellería de Cultura. Hai 60 prazas e, tanto para esta como para as outras actividades de conciliación de verán, teñen preferencia as persoas empadroadas na Baña e as familias que teñan necesidade de conciliación por residencia, estudos ou traballo no municipio. No caso de quedar prazas vacantes, poderán participar outras persoas interesadas, e realizarase un sorteo público se hai moita demanda.
Tamén na área de Agra de Chans desenvolverase o campamento urbano, destinado a nenos e nenas de 3 a 12 anos (incluídos), do 1 ao 31 de agosto, de 9:00 a 14:00 horas. O prezo é de 30 € por neno/a e de 20 € por irmán/á. Neste caso, o prazo de inscrición remata o 26 de xullo.
O Concello organiza tamén un campamento de verán no albergue de Cabana de Bergantiños para nenos e nenas con idades comprendidas entre os 8 e os 15 anos (incluídos). Esta actividade desenvolverase do 3 ao 10 de agosto e ten un custo de 100 euros. O prazo de inscrición estará aberto ata o 30 de xullo e hai 45 prazas. Ao igual que nos outros campamentos, teñen preferencia as persoas empadroadas na Baña.
Por outra banda, a partir do luns 25 de xuño e ata o 15 de setembro permanecerá aberta a piscina municipal en horario de 15:30 a 21:00 horas e, en setembro, de 15:30 a 20:30 horas. Establécense diferentes prezos para os abonos: 25€/mes, 15€/quincena e 45€ por familia ao mes. O acceso por día solto custa 2 euros. Para os menores de 14 anos a entrada é gratuíta. É imprescindible levar gorro e chanclas.
Festas de clausura
Os campamentos lúdico-deportivo e urbano terán cadansúa festa de clausura. O primeiro, que se celebra en xullo conxuntamente cos cursos de natación, pecharase co espectáculo Le cirque de Cayetano Lledó, nunha celebración familiar na área recreativa de Agra de Chans ás 12 do mediodía. No mesmo escenario e á mesma hora terá lugar o 31 de agosto o peche do campamento urbano, no que Celtia Figueiras presentará os seus Contos de verán.
Todas as actividades están organizadas polo Concello da Baña, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, da Consellería de Política Social, e coa Deputación da Coruña.
Podes cubrir o formulario interactivo de inscrición adxunto nesta nova ou descargalo.
O pagamento realizarase nas seguintes contas bancarias e o xustificante entregarase no Concello:
Banco Pastor : ES26 0238 8191 8806 6000 1061
ABANCA: ES92 2080 0326 1731 1000 0035
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Xuventude
- Visitas: 1627
A Xunta pon en marcha as diferentes accións da Campaña de Verán, cunha ampla oferta de ocio e tempo libre dirixida á mocidade. Campamentos, campos de traballo e outras actividades suman preto de dez mil prazas.
Os obxectivos desta nova campaña de verán son favorecer a inclusión; promover o intercambio cultural, a interacción e a convivencia; así como facilitar a conciliación das familias galegas. Así mesmo, como vén sendo habitual resérvanse prazas para xente nova con discapacidade; nenos, nenas e adolescentes baixo tutela ou garda da Administración autonómica; para fillos e fillas de mulleres vítimas da violencia de xénero; e para descendentes de emigrantes galegos.
Podes consultar NESTE ENLACE toda a información.
- Detalles
- Escrito por Super Usuario
- Categoría: Xuventude
- Visitas: 1935
Vinte e catro rapaces/as do Concello da Baña están a gozar duns días de campamento nas instalacións de Virxe de Loreto, na Praia de Aguieira en Porto do Son.

- Detalles
- Escrito por Concello
- Categoría: Xuventude
- Visitas: 2119
Acción de Verán. Campamentos da Xunta de Galicia.
Para facilitar que os/as rapaces/as galegos a partir dos 9 anos (cumpridos ao inicio do campamento solicitado) poidan participar en actividades de tempo libre de calidade, a Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, oferta a programación de actividades para o ano 2017 que se detalla no anexo I da orde que poden descargar no seguinte enlace:
http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170417/AnuncioG0425-070417-0008_gl.html
As diferentes actividades que integran esta programación levaranse a cabo en diferentes quendas de entre unha semana e quince días de duración durante os meses de xullo e agosto.
A información sobre a convocatoria desta campaña, así como de cada actividade e instalación xuvenil onde se desenvolverá, atoparase detallada na páxina web www.xuventude.net
Servizos ofertados.
1. A participación na oferta da Campaña de verán 2017 realizarase mediante inscrición individual ou múltiple (para os supostos de dous/dúas, tres ou catro irmáns/ás).
As persoas participantes disporán dos seguintes servizos:
a) Un programa de actividades de carácter sociocultural, recreativo, formativo e convivencial, que posibilite a participación do/a mozo/a.
b) Aloxamento en albergue xuvenil, residencia xuvenil ou campamento xuvenil.
c) Manutención en réxime de pensión completa.
d) O material necesario para a actividade.
e) Un equipo técnico de persoal especializado en animación sociocultural e actividades de tempo libre e actividades náuticas, de ser o caso. Así mesmo, e para o caso das persoas con necesidades especiais que por razón da súa discapacidade precisen apoio, disporase de persoal que conte con formación e experiencia para atender as súas necesidades.
f) Atención sanitaria de primeiros auxilios e seguro de accidentes.
g) Nas actividades desenvolvidas noutras comunidades autónomas inclúese o transporte desde Santiago de Compostela, ou lugar que se sinale como punto de saída, ata o lugar de destino, así como o retorno ata Santiago de Compostela.
Prazo presentación solicitudes: (18/04/2017 - 02/05/2017)

- Detalles
- Escrito por Super Usuario
- Categoría: Xuventude
- Visitas: 2026
CAMPAÑA DE VERÁN 2010
A Consellería de Traballo e Benestar quere facilitar á mocidade galega o acceso a actividades de tempo libre. A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado pretende facer realidade este obxetivo a través da Acción de Verán 2010. Trátase dun programa de actividades que terán lugar nos meses de xullo e agosto, tanto en Galicia como noutras comunidades autónomas.
Participantes
Poden solicitar a súa participación nas actividades ofertadas na presente convocatoria os mozos con idades comprendidas dentro dos tramos que se especifican para cada actividade (para campamentos de 9 a 17 anos, para actividades para maiores de 18 de 18 a 35 anos, e nos campos de traballo hai que atender ao que se marque en cada un deles). En canto á marxe de idade mínima e máxima que se especifica para cada actividade, deberase manter desde o inicio ata a finalización do campamento.
Prazo
O prazo de solicitude iniciarase o martes 9 de Marzo e rematará o día 23 de Marzo.
Información
- Na Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.
- Nos servizos de Xuventude e Voluntariado das delegacións provinciais da Consellería de Traballo e Benestar.
- Oficinas locais de xuventude e Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil - Santiago.
- Nas oficina de información xuvenil do Concello da Baña.
- Na páxina web www.xuventude.net
Adxudicación de prazas
A adxudicación realizarase da seguinte forma:
1. Directa, se a demanda non supera o número de prazas dispoñibles.
2. Por sorteo informático, no suposto de que o número de solicitudes supere o número de prazas dispoñibles. Neste caso, o sorteo realizarase perante notario o día 21 de abril de 2010, ás 12 horas na sala de prensa da Consellería de Traballo e Benestar, sita no terceiro andar das dependencias da devandita consellería no edificio administrativo de San Lázaro en Santiago de Compostela.
Co sorteo cubriranse as prazas nas distintas actividades e xerarase unha lista de espera para cada unha das actividades. O número de reservas en cada actividade será do 50% das prazas convocadas. A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado fará público o resultado do sorteo, incluídas as listas de espera, e confeccionará a correspondente lista de admitidos para cada quenda e actividade. A comunicación do resultado do sorteo para os participantes seleccionados levarase a cabo vía sms e correo electrónico ao número de teléfono e conta de correo especificados na solicitude. A lista de admitidos será exposta a partir do día 22 de abril de 2010 na Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, no rexistro xeral da Xunta de Galicia, nos rexistros e servizos de Xuventude e Voluntariado dos seus departamentos territoriais, no Centro de Información Administrativa e Atención ao Cidadán de Santiago de Compostela, no teléfono xove (902 152 535) e na páxina web www.xuventude.net (neste caso, os interesados deben introducir o DNI do pai, nai ou titor/a que cubriron na súa solicitude e a data de caducidade dese DNI. Este é o mesmo procedemento que o establecido para a consulta do estado da súa solicitude).
Máis información:
xuventude.net/web/xuventude/campamentosdeveran
Ficheiros:
Microsoft_PowerPoint_-_Memo__Solo_lectura___Modo_de_compatibilidad_.pdf


