• A xornada desenvolverase o 10 de maio cun programa que combina tradición, participación veciñal e actividades culturais

  • A programación prevé un xantar veciñal pensado como punto de encontro ao longo da xornada

20260414 Maios VO Concello da Baña organiza o domingo 10 de maio unha nova edición dos Maios, unha iniciativa que xa se levou a cabo o pasado ano e que busca recuperar e poñer en valor tradicións propias de Galicia vinculadas á chegada da primavera. A actividade desenvolverase entre as 10.00 e as 20.00 horas na Praza do Concello.

A programación comezará cun obradoiro de elaboración de maios impartido por Oli Xiráldez, no que as persoas participantes aprenderán a construír estas estruturas tradicionais a partir de materiais naturais. O proceso inclúe a recollida de fiúncho e doutros elementos vexetais, así como o seu ensamblaxe e tecido sobre unha estrutura interna, seguindo as técnicas tradicionais.

Ao longo da xornada está previsto tamén un espazo para o encontro veciñal arredor dun xantar compartido, no que cada persoa deberá levar a súa propia comida. No caso de que o tempo acompañe, esta actividade realizarase ao aire libre na área recreativa do río Albariña, mentres que en caso de choiva ou baixas temperaturas trasladarase a unha instalación municipal.

A programación da tarde inclúe unha sesión de regueifas a cargo de Lupe Blanco e Josinho da Teixeira, que ademais de amosar esta expresión da tradición oral galega, ofrecerán nocións básicas para facilitar a participación do público. A xornada rematará cun espectáculo de monicreques para público familiar, Latexos. As lendas do Castro, a cargo de K'Paparota Teatro.

Todas as actividades están previstas inicialmente na Praza do Concello, aínda que, en función da climatoloxía, poderán trasladarse ao centro sociocultural. A iniciativa está organizada pola Concellería de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía.