- O Pleno acorda bonificar o 90% da licenza de obra á Comunidade de usuarios de augas de Busto para melloras na traída e nos depósitos
- Apoio unánime á moción do BNG para promover no Concello políticas transversais de igualdade e o compromiso coa loita feminista
O Pleno do Concello da Baña aprobou dous expedientes extraxudiciais de crédito para liquidar facturas pendentes de pago correspondentes ao exercicio 2025 por un importe global de 194.075,35 euros. Con estes recoñecementos, o alcalde asegurou no Pleno que se pagarán todas as facturas correspondentes ao ano pasado.
José Antonio Pereira volveu insistir en que este retraso no pago de facturas vén motivado pola forte débeda que deixou o goberno anterior, presidido por Andrés García Cardeso (PP), “e que estamos solucionando dende o actual goberno grazas a unha boa xestión económica”. Pereira Gil volveu lembrar que cando asumiu a alcaldía a principios desta lexislatura, a débeda do Concello da Baña ascendía a millón e medio de euros.
A Corporación aprobou por unanimidade bonificarlle á Comunidade de usuarios de augas de Busto un 90% do imposto de construcións, instalacións e obras (ICIO) dos traballos de reposición de tubería da traída e depósitos de almacenamento e distribución. O alcalde explicou que o orzamento da obra ascende a 34.494 euros, pola que só pagarán 72,90 euros pola licenza de obra. Este punto debateuse no Pleno despois de que todos os concelleiros acordaran incorporalo á orde do día.
Moción polo Día da Muller
Na sesión celebrada este 25 de marzo tamén se aprobou por unanimidade a moción do BNG relativa ao Día Internacional da Muller, na que Mónica González volve reclamar o compromiso do Concello da Baña na loita feminista, a igualdade real e efectiva e incorporar a perspectiva feminista de maneira transversal en todas as políticas municipais. Tamén solicitar instar á Xunta e ao Goberno central a reforzar as políticas públicas de igualdade, con especial atención ao rural galego.
Ana Pensado asegurou que o PSdeG comparte o espírito da moción e puxo en valor o traballo das mulleres bañenses. Asegurou que o voto a favor do grupo socialista é un compromiso para seguir traballando dende as institucións para que a igualdade sexa real, efectiva e para que estea presente no día a día das mulleres da Baña.
O grupo popular tamén amosou o apoio á iniciativa do BNG e ás afirmacións da concelleira socialista. Andrés García Cardeso pediu que se dea traslado da moción tamén a Deputación da Coruña.
