• A Foliada filloeira abre o programa o sábado 11 de febreiro

  • As orquestras Olympus e Finisterre, a Banda de Música Ateneo de Negreira, os Campantes da Baña e a charanga Os Atrevidos porán a nota musical

20230119 Festa Filloa ProgramaA Festa da Filloa da Pedra da Baña alcanzará o próximo mes de febreiro a súa edición número dezanove con dous días de actividades dedicadas a enxalzar o produto máis característico do municipio. O pavillón de San Vicenzo acollerá o sábado 11 e o domingo 12 unha programación musical e de ocio arredor da filloa da pedra, nunha celebración gastronómica na que os produtos empregados serán 100% ecolóxicos.

A Asociación Filloas da Pedra da Baña e o Concello da Baña organizan a cita, en colaboración co Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA). A participación desta última entidade enmárcase na aposta polo emprego de produtos ecolóxicos na festa, unha aposta que fai máis sostible, saudable e atractiva esta proposta gastronómica xa consolidada.

A programación da Festa da Filloa da Pedra ábrese xa o sábado coa saída desde a praza do Concello dun pasarrúas a cargo da Banda de Música do Ateneo de Negreira, que tamén protagonizará ás 16:15 horas un concerto no polideportivo de San Vicenzo, localización das actividades. Un pouco antes, ás 16:00, levarase a cabo a inauguración oficial da Festa, na que se poderán degustar filloas da pedra da Baña e filloas de Muimenta, reafirmando unha colaboración que se estende desde hai varias edicións da actividade. A música continúa ás 17:00h cunha foliada filloeira e, ás 20:00, co espectáculo protagonizado pola Orquestra Finisterre.

A actuación da Orquestra Olympus é o grande atractivo do domingo 12, día grande da Festa da Filloa da Pedra. O afamado conxunto comezará a actuar ás 19:00 horas e durante o descanso do concerto dispararanse fogos artificiais. Mais a programación dominical comeza moito antes. A festa abre ás 10:00 e, xa ás 12:00, acollerá a actuación dos Campantes da Baña. Ás 13:00 está prevista a lectura do pregón. Pola tarde, a charanga Os Atrevidos amenizará o recinto desde as 15:30 horas.