• O proxecto ten un orzamento de 156.955 euros, que se engaden aos 94.852 euros para a rede de abastecemento de auga potable á parroquia do Barro para ser financiados pola Deputación

  • Os festivos locais para 2026 seguirán sendo o 22 de xaneiro, San Vicenzo; e o 9 de setembro, a Virxe das Dores

  • Aprobada unha moción solicitándolle á Xunta maior financiamento para o Servizo de Axuda no Fogar.

 

 

 

O Pleno do Concello da Baña comezou este 30 de xullo gardando un minuto de silencio en memoria de Teresa de Jesús González, a traballadora do Servizo de Axuda no Fogar do Porriño que finou asasinada esta semana presuntamente polo marido da persoa que ía coidar. Na sesión aprobouse por unanimidade incluír a mellora da capa de rodaxe da pista que vai de Marcelle a Reguengo, na parroquia de Suevos, nos proxectos a financiar polo Plan de Obras e Servizos adicional da Deputación da Coruña (POS+ Adicional 2025).

O alcalde, José Antonio Pereira, explicou onte no pleno que o proxecto que ten redactado o Concello para mellorar a capa de rodaxe da pista de Marcelle ao Reguengo (en Suevos) conta cun orzamento de 156.955,68 euros, e vaise incluír na segunda fase do POS+ Adicional 2025 para que sexa financiado pola Deputación. Esta obra sumase á rede de abastecemento de auga potable na parroquia do Barro, xa incluída no POS+ Adicional cun orzamento de 94.852,60 euros.  Deste xeito completaríanse os 251.808,28 euros que lle corresponden ao Concello da Baña dentro do Plan adicional de Obras e Servizos da Deputación. Ese punto aprobouse cos votos a favor de todos os concelleiros

Tamén por unanimidade aprobáronse os festivos locais para 2026, que seguirán sendo o día de San Vicenzo (22 de xaneiro), patrón do municipio, e o da Virxe das Dores (9 de setembro).

Cos votos a favor do equipo de goberno (5 do PSdeG e 1 do BNG) e a abstención do PP aprobouse delegar la Xunta de Goberno Local as competencias do Pleno para establecer e modificar os prezos públicos que se cobran polos servizos que presta o Concello.

Moción sobre o Servizo de Axuda no Fogar

Mónica González defendeu no pleno a moción do BNG a favor do sistema público de atención á dependencia e a mellora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), na que se denuncia o “preocupante proceso de desmantelamento e privatización” do SAF, o incremento da lista de agarda e un investimento por persoa en Galicia (1.317 euros anuais) moi inferior á media estatal (2.000 euros).

A moción foi aprobada cos votos a favor de PSdeG (5) e BNG (1). Entre outros puntos, na mesma ínstase á Xunta a garantir o financiamento suficiente do SAF, elevando o prezo hora que paga o goberno autonómico ata os 20 euros (actualmente financia 12) e a redución dos tempos de espera para as avaliacións e acceso ás prestacións de dependencia, que hoxe teñen unha media de 361 días en Galicia e na Baña achéganse aos dous anos.

Todos os grupos políticos coincidiron no infrafinanciamento do SAF, un servizo que lle corresponde á Xunta e que están prestando os concellos “de xeito impropio”, xerando un forte endebedamento para as arcas municipais. Na Baña o concello está pagando a 21 euros a hora, e só reciben 12 da Xunta. Outros concellos están licitando o SAF con prezos hora de entre 23 e 24 euros. A Baña estima que este ano se prestarán máis de 25.000 horas de atención no SAF, dixo a tenente de alcalde.

O PP abstívose na votación ao considerar que a moción “tamén debería esixirlle responsabilidades ao Goberno central, que lle debe varios miles de millóns á Xunta para financiar a dependencia”.

Mónica González comprometeuse a enviar a moción aprobada tanto á Consellería de Política Social, grupos parlamentarios autonómicos e a Fegamp (que xa incluía a proposta) como ao Ministerio de Política Social do goberno central.

 

20250730 Banha pleno ordinario xullo 1