• A cita volveu converterse nun éxito de público, tradición e solidariedade  

  • A pregoeira, a zoqueira Elena Ferro, destacou a importancia de conservar este tipo de tradicións que son “parte da nosa cultura”, e animou ás novas xeracións a implicarse na súa preservación

Diseño sin título 59

A Baña converteuse este domingo, 17 de marzo, no epicentro da gastronomía e da tradición galega coa celebración da XX Festa da Filloa da Pedra, que contou coa participación de ao redor de 10.000 persoas. Ao longo de toda a xornada, o público puido gozar de actividades para todas as idades, un mercado de artesanía, música en directo e, por suposto, a degustación das tradicionais filloas da pedra, con 6.000 unidades repartidas nesta edición.

20240317 Banha Festa Filloa Pedra 2024 1 pregoeira Elena Ferro 13

O evento arrancou pola mañá no pavillón de San Vicenzo coa actuación das pandeireteiras e gaiteiros da Escola de Música Tradicional da Baña, que deron paso ao pregón da artesá zoqueira Elena Ferro. A pregoeira destacou a importancia de conservar tradicións como esta, “parte da nosa cultura”, e animou ás novas xeracións a implicarse na súa preservación. Elena tamén se atreveu a elaborar filloas e recibiu como agasallo unha pedra filloeira, cortesía do Concello.

20240317 Banha Festa Filloa Pedra 2024 2 Musica 7

Durante o día, vinte pedras filloeiras estiveron en funcionamento continuo para atender a alta demanda de filloas, que o público acompañou con orellas, chourizos e chocolate quente ofrecido pola rapazada do CPI de San Vicente, quen tamén organizou unha venda de camisetas e petiscos para recadar fondos para a súa excursión de fin de curso.

20240317 Banha Festa Filloa Pedra 2024 2 Musica 14

A música foi protagonista da tarde coa enerxía de agrupacións como CantoenCanto, Ce Orquestra Pantasma, a Charanga Tabernícolas de Leiradal e a espectacular Mekanika Rolling Band, que puxo o broche de ouro á celebración. Ademais, os máis pequenos gozaron dun espazo infantil con xogos populares, obradoiros e animación, mentres que os visitantes puideron coñecer os oficios tradicionais na mostra de artesanía en vivo e probar sorte no sorteo solidario dunha pedra filloeira, organizado a favor da Fundación Barcala. Este sorteo logrou recadar un total de 125 euros.

20240317 Banha Festa Filloa Pedra 2024 3 Mercado artesania 7

O Festa da Filloa da Baña pechou a celebración do seu vinte aniversario confirmando que é unha cita que segue a medrar e a consolidarse como un referente cultural e gastronómico de Galicia.