-
Tenis, pilates, baloncesto, pádel, tenis de mesa, xadrez en liña, patinaxe artística, karate, judo e baile moderno continúan formando parte da oferta
-
As clases comezan o mércores 11 de setembro e desenvolveranse principalmente en horario de tarde coincidindo co calendario escolar
-
O obxectivo deste servizo é promover a actividade física e o deporte entre toda a poboación ao tempo que facilita a conciliación familiar
-
Durante a primeira semana ofrécese a posibilidade de poder asistir ás clases de balde para probar as diversas modalidades antes de realizar a inscrición oficial
O Concello da Baña abre o período de inscricións para as Escolas Deportivas Municipais 2024/25, que se desenvolverán entre o vindeiro mércores 11 de setembro e o mes de maio, coincidindo co calendario escolar. Este servizo ten como obxectivo promover a actividade física e o deporte entre toda a poboación ao tempo que facilita a conciliación das familias.
As Escolas Deportivas ofertarán diversas disciplinas adaptadas a diferentes idades e preferencias. Entre as actividades que se ofrecerán están o baloncesto, baile moderno, judo, karate, patinaxe artística e tenis, dirixidas a nenos e nenas de 3 a 16 anos. Ademais, haberá opcións como tenis de mesa, xadrez, pilates e pádel para maiores de 3 anos.
As clases desenvolveranse nos seguintes horarios:
- Baile moderno: luns e xoves de 15:30 a 16:30 horas
- Baloncesto: luns e xoves de 15:30 a 16:30 horas
- Judo: luns de 16:30 a 17:30 horas
- Patinaxe artística: grupo A os martes e venres de 17:00 a 18:00 horas e grupo B os martes e venres de 18:00 a 19:00 horas.
- Karate: martes e xoves de 16:30 a 17:30 horas.
- Pilates: mércores e venres de 19:00 a 20:00 horas.
- Xadrez: xoves de 18:30 a 19:30 horas.
- Tenis: xoves de 17:00 a 19:00 horas.
- Tenis de mesa: venres de 15:30 a 17:30 horas.
- Pádel: venres de 17:00 a 22:00 horas e sábado de 10:00 a 12:00 horas.
Cada actividade requirirá un mínimo de cinco participantes para poder levarse a cabo. Establécese un prazo de inscrición de 10 días hábiles, e as solicitudes presentadas fóra deste prazo serán incluídas nunha lista de agarda. No caso de non alcanzar o número mínimo de inscritos, a actividade poderá ser cancelada.
Durante a primeira semana ofrécese ademais a posibilidade de poder asistir ás clases de balde para probar as diversas modalidades antes de realizar a inscrición oficial.
Inscricións
As cotas de participación estableceranse en 60 euros por tempada e actividade para usuarios individuais. Quen se inscriba en máis dunha actividade abonará 90 euros por curso. Ofrecerase tamén un bono familiar, que suporá un custo de 99 euros por tempada para dous membros da mesma unidade familiar, e de 132 euros no caso de que un dos integrantes realice dúas ou máis actividades. Para tres ou máis membros dunha mesma familia, a cota será de 120 euros se cada un participa nunha actividade, e de 150 euros se un dos membros realiza dúas ou máis.
Para inscribirse, os interesados deberán cubrir un formulario dispoñible na páxina web do Concello da Baña, que poderá ser remitido a través da sede electrónica ou enviado por correo electrónico a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo., xunto coa documentación requirida. As inscricións tamén poderán entregarse presencialmente na Concellería de Deportes. Será necesario presentar, ademais do formulario de inscrición, as autorizacións de imaxe e teléfono e a domiciliación bancaria, documentos que están dispoñibles en formato PDF editable nos documentos adxuntos desta páxina web.
O Departamento de Deportes será o encargado de supervisar e coordinar as actividades, asegurando que o servizo se preste con calidade e adaptado ás necesidades dos usuarios. Así mesmo, levaranse a cabo accións para fomentar o coñecemento do deporte desde a infancia, organizaranse exhibicións e campionatos, e manterase un contacto constante coas familias dos participantes.
Con esta oferta deportiva, o Concello da Baña segue a impulsar o deporte local, proporcionando opcións de aprendizaxe, diversión e socialización para todas as idades durante a tempada 2024/25.