-
Hai dous anos foi nomeado fillo predilecto do municipio, tal e como recorda unha placa na Casa da Cultura //
-
Foi un dos intelectuais galegos máis activos e comprometidos do pasado século XX //
O intelectual e galeguista Avelino Pousa Antelo naceu na Baña un 14 de maio de 1914. Coincidindo co que sería o seu 110 aniversario, o Concello bañense quere recordar hoxe a figura e a obra dun dos seus veciños ilustres, nomeado hai xusto dous anos fillo predilecto da localidade.
Unha placa na fachada da Casa da Cultura recorda na Baña a Avelino Pousa Antelo, un dos intelectuais galegos máis activos e comprometidos do pasado século XX. Tamén coñecido como Lucho do Peto, destacouse por apoiar o Estatuto de Autonomía de 1936 e ser un gran defensor do rural e do cooperativismo agrario, dedicando a súa vida “a desenvolver a conciencia galeguista e a traballar por unha terra máis libre, máis culta e máis dona do seu destino”, tal e como sinalou el mesmo.
Profesor e xornalista, traballou tamén en favor da cultura e da lingua galegas dende as aulas, as letras e un bo número de institucións. Foi, xa que logo, presidente da Fundación Castelao, vicepresidente da Fundación Fernández Flórez e vogal das fundacións Pedrón de Ouro e Alexandre Bóveda.
Entre as moitas distincións que recibiu durante a súa longa traxectoria (morreu en 2012 aos 98 anos) atópanse a Medalla Castelao ou a insignia de ouro da Universidade de Santiago.