• Ao espectáculo, de entrada libre, asistiron os sesenta nenos e nenas que participan no campamento de conciliación

  • Baños na piscina, xogos tradicionais, gimkanas e varias festas inclúense nun programa centrado no respecto ao medio ambiente

O espectáculo Peque Disco Moc Moc animou este mediodía a toda a rapazada que se achegou á área recreativa de Agra de Chans. Nenas e nenos, na súa maioría participantes no campamento de conciliación municipal, cantaron, bailaron, fixeron coreografías e desfrutaron con Mere Clown de números de acrobacias e malabares con lume.

A actuación, aínda que de entrada libre, foi unha máis das propostas das que nestes días poden gozar as rapazas e rapaces do campamento de verán, que cubriron as sesenta prazas dispoñibles tanto nas dúas quendas quincenais de xullo (entre o 3 e o 28 de xullo) como nesta primeira de agosto (do 31 de xullo ao 11 de agosto).

Coas miras postas na Axenda 2023 para o Desenvolvemento Sostible, a cativada desenvolve nestes días múltiples actividades lúdicas e culturais vencelladas á educación ambiental. Fixeron, así, obradoiros de reciclaxe, pero tamén puideron gozar de baños na piscina, gimkanas ou xogos tradicionais. Tiveron tamén un grande éxito a festa da auga, a festa holi e os inchables.

O campamento municipal de conciliación prosegue ata o 8 de setembro.