• Cancións de Beethoven, Vivaldi, Queen, Sabina, Luar na Lubre, Camilo, Aitana ou ACDC  emocionaron ao público

  • O alcalde, Andrés García Cardeso, fíxase como obxectivo para o vindeiro curso duplicar a vintena de alumnos que se formaron este ano

20220704 Festival fin curso escola musica Bana 34

Queen e ACDC abriron e pecharon onte un emotivo festiva de fin de curso da Escola municipal de música da Baña no que público presente acabou aplaudindo de pé ao alumnado de percusión. Durante unha hora, no auditorio das escolas vellas lembrouse a Beethoven e Vivaldi, pero tamén a Sabina, Lugar na Lubre, Camilo ou Aitana, todos eles interpretados pola vintena de alumnos de todas as idades que neste curso se formaron na escola bañense.

Ramón Leis, director e profesor de piano; Moncho Ces, de vento metal; e Juan Leis, percusión, clarinete e saxofón, tiveron como obxectivo “que pequenos e maiores se divertisen e gozasen aprendendo música”. Tal vez por iso conseguiron que Héctor (saxo) e Sonia (clarinete) acudisen dende Negreira ata a Escola de música da Baña acompañados polos seus fillos e onte se animasen a subir por primeira vez a un escenario e tocar en público.

20220704 Festival fin curso escola musica Bana 31

Despois de que Moisés rematase o concerto na batería cun dos temas míticos de ACDC, o alcalde, Andrés García Cardeso, agradeceu a alumnado e familias o esforzo para “acudir neste curso complicado ata a Escola de música da Baña”. “Queremos darlle un impulso grande a escola”, explicou o alcalde, que se marca como  “obxectivo duplicar a vintena alumnos actuais para o vindeiro curso”, sen descartar nun futuro próximo superar as 75 matrículas que chegou a ter o centro bañense.

Antes de abandonar o auditorio, a concelleira de Cultura, Lorena Trillo, entregoulles unha bolsa de lambetadas a cada neno e nena presentes no concerto co que a Escola municipal de música da Baña rematou o curso 2021-2022.

A Escola Municipal de Música da Baña conta con financiación da Deputación Provincial da Coruña. O pasado mes de abril, o BOP publicaba a resolución pola que se lle concedía ao Concello da Baña unha subvención de 10.000 euros ao aveiro da convocatoria do programa de subvención a concellos e entidades locais para o mantemento de conservatorios, escolas de música e escola de danza municipais durante o ano 2022.

20220704 Festival fin curso escola musica Bana 7