• O galardón recoñece o seu traballo durante sete anos á fronte da escola unitaria de Lañas, hoxe "un referente para toda a comarca", en palabras do alcalde bañense

  • Caxade quixo compartir o premio "coas familias e co alumnado" e recordou "sete anos marabillosos nos que aprendín máis que ensinei"

20220517 Letras na Banha 01

 

20220517 Letras na Banha 03O mestre e músico Alonso Barreiro Caxade recibiu esta mañá na casa da cultura da Baña o I Premio Daniel García Ramos, instituído polo Concello para recoñecer, con motivo do Día das Letras Galegas, o traballo en favor da lingua e da cultura da terra. O alcalde bañense, Andrés García Cardeso, destacou o "encomiable traballo" realizado polo galardoado durante os sete anos nos que estivo á fronte da escola unitaria de Lañas.

A entrega do galardón realizouse nun acto que abriu a concelleira de Cultura, Lorena Trillo, coa lectura do Manifesto bañense das Letras Galegas 2022. Nel remárcase a necesidade "apoiar todas as manifestacións, tanto artísticas coma doutra índole, que poñen en valor o noso, a nosa lingua, a nosa cultura, a nosa tradición e o compoñente emocional que leva consigo". Trillo chamou a un "compromiso coas Letras" que se estenda "ao longo de todo ano" para conseguir, "como diría Cunqueiro, mil primaveras máis para a lingua galega".

Este compromiso coa lingua e coa cultura propias foi un dos aspectos destacados polo Concello para outorgar por primeira vez o premio Daniel García Ramos, que leva o nome do xuíz bañense pioneiro en ditar unha sentenza en galego. O galardoado, Alonso Barreiro Caxade, deixou unha fonda pegada nos sete cursos nos que impartiu clases na escola unitaria de Lañas, hoxe integrada no CRA A Tarandeira. Alén de mestre, é un incansable promotor da lingua e da cultura a través de diversas iniciativas e, ademais, un dos intérpretes máis destacados da música galega actual a través do proxecto de folk-pop que leva o seu nome, Caxade.

"Acepto este galardón e fágoo extensivo ás familias e ao alumnado da unitaria", dixo Caxade ao recibir o premio. "En Lañas pasei sete anos marabillosos nos que aprendín máis do que ensinei", dixo, destacando que no seu traballo sempre procura ter "respecto polo pasado, polo patrimonio, polo que nos deixou a xente que estivo aquí antes que nós; pero tamén respecto polo futuro, polo que lles imos deixar aos nosos fillos e ás nosas fillas". Neste sentido, reclamou que se defendan "os dereitos lingüísticos das crianzas" para que poidan desenvolver a súa vida no idioma materno.

20220517 Letras na Banha 05O alcalde da Baña, Andrés García Cardeso, enxalzou o "traballo incansable" de Caxade á fronte da unitaria de Lañas: "Só hai que recordar en que estado estaban as instalacións cando el chegou e que estado as deixou. Hoxe, xa integradas no CRA, son unha referencia para toda a comarca". "O traballo silencioso e moitas veces non recoñecido de persoas coma Alonso", expuxo, "é moitas veces o que fai que as cousas boten a andar. Na Baña estámoslle moi agradecidos por toda a dedicación que nos entregou". A concelleira, Lorena Trillo, destacou que, durante os anos de maxisterio de Caxade en Lañas, "non había celebración ou evento no que a rapazada da unitaria non saíse da escola para facerse partícipe e, deste xeito, aprender a sentir o orgullo do propio".

Durante o acto, os Gaiteiros da Baña interpretaron o Himno Galego ante un auditorio en pé no que se atopaban membros da Corporación local; a directora do CPI San Vicente, Mar Sueiro; e a escritora Carme Varela, autora do libro As desterradas, galardoado co XXV Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais. O evento pechouse cunha sesión de narración oral a cargo da contadora Cris de Caldas.