• O Pleno acorda que os festivos locais en 2025 sexan o 22 de xaneiro, día de San Vicenzo; e o 9 de setembro, festividade da Virxe das Dores

  • Luz verde á ordenanza contra a contaminación acústica e á aprobación inicial da ordenanza reguladora de subvencións

  • A Baña sumarase ao protocolo “Concellos emprendedores Doing Business Galicia”, promovido pola Xunta e pola Fegamp

  • A Corporación garda un minuto de silencio pola vítima de violencia machista da Coruña

 

A Corporación da Baña aprobou destinar 215.186 euros do POS+ Adicional a gasto corrente e outros 40.800 a financiar obras de mellora tanto na Casa do Concello como no edificio de usos múltiples da rúa Tedelle. No pleno ordinario celebrado onte, 7 de agosto, todos os puntos da orde do día foron aprobados por unanimidade dos tres grupos políticos, entre eles os días festivos locais para o vindeiro ano: 22 de xaneiro e 9 de setembro. A sesión comezou cun minuto de silencio polo asasinato machista ocorrido o pasado sábado na Coruña. 

Dos 255.986,93 € da segunda fase do POS+ Adicional, Plan único de Concellos da Deputación, que lle corresponden ao Concello da Baña, a Corporación aprobou destinar a gasto corrente 215.186,56 €. Outros 40.800,34 € servirán para financiar obras de adaptación das dependencias municipais, co obxectivo de facilitar o acceso e a atención á veciñanza e de cumprir coa lexislación vixente en materia de prevención de riscos laborais. Esta intervención centrarase na reforma da casa consistorial e na adecuación funcional do edificio de usos múltiples da rúa Tedelle (Escola de Música Emilio Andújar).

Na Casa do Concello en San Vicenzo crearase un punto de atención cidadá na planta baixa, habilitando un mostrador no lugar que a día de hoxe ocupan os Servizos Sociais, e dividiranse en compartimentos os despachos de servizos xerais da primeira planta. As oficinas de Servizos Sociais trasladaranse ao inmoble da Escola de Música Emilio Andújar, para o que será preciso redistribuír espazos en desuso neste edificio de usos múltiples e mellorar as infraestruturas de telecomunicación co fin de garantir a seguridade dos datos.

Durante o debate, o voceiro do Partido Popular, Andrés García Cardeso, suxeriu que este proxecto debería terse presentado ante a Dirección Xeral de Administración Local para optar á subvención de remodelación das casas consistoriais, que cobre o 100% dos investimentos. O alcalde, José Antonio Pereira, respondeu que xa se solicitara este tipo de axuda para a Escola de Música Emilio Andújar o ano pasado e para as Aulas de Informática deste ano, pero ambas as peticións foran denegadas.

Por outra banda, Pereira recordou que os 121.288,83 € recibidos na primeira fase do POS+ Adicional irán destinados á mellora do viario en Vilar da Torre (35.421,14 €) e á mellora da capa de rodaxe da pista de Cerdeiras en Corneira (85.867,69 €). Con esta nova achega de 255.986,93 €, a asignación provincial ao Concello ascende en total a 377.275,76 € para o POS+ Adicional 2024.

Por outra banda, a Corporación da Baña deulle luz verde á participación no POS+ Adicional 3/2024, para a redución da débeda do Concello coa Deputación da Coruña relativa ao préstamo provincial nos plans de 2015 a 2023. O importe da achega provincial é de 39.124,83 €.

Festivos locais e ordenanzas

As datas elixidas para os festivos locais de 2025 foron o 22 de xaneiro, día de San Vicenzo, e o 9 de setembro, festividade da Virxe das Dores. Estas datas, que coinciden con mércores e martes respectivamente, seguen a tradición do concello e foron aprobadas cos votos a favor dos tres grupos políticos representados no pleno: PP, PSOE e BNG.

Outro punto relevante da sesión foi a aprobación da ordenanza xeral reguladora da concesión de subvencións, que contou co respaldo unánime dos membros da corporación. Esta ordenanza someterase agora a información pública, permitindo a presentación de reclamacións ou suxestións nun prazo de 30 días. De non presentarse ningunha, considerarase aprobada definitivamente.

Ademais, o Pleno aprobou de forma definitiva a ordenanza municipal reguladora da protección contra a contaminación acústica, que ten como obxectivo principal regular o exercicio das competencias que en materia de protección do medio corresponden ao Concello da Baña, especificamente no relativo á contaminación por ruído e vibracións. A ordenanza busca garantir o dereito á intimidade persoal e familiar, á protección da saúde e á calidade de vida da veciñanza.

Concellos emprendedores

O Pleno tamén aprobou a adhesión do Concello da Baña ao protocolo xeral de actuación "Concellos emprendedores Doing Business Galicia", un acordo entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) destinado a fomentar a implantación e fixación de empresas en Galicia. A través desta adhesión, o Concello da Baña comprométese a adoptar medidas que faciliten a creación de novas empresas, mellorando a contorna empresarial e favorecendo a atracción de investimentos ao territorio.

O alcalde, José Antonio Pereira, destacou a importancia desta adhesión para promover o crecemento económico e a xeración de emprego no municipio, subliñando que “iniciativas como esta son esenciais para dinamizar a economía local e ofrecerlles novas oportunidades aos emprendedores”.

A sesión plenaria concluíu coa habitual quenda de rogos e preguntas, na que se trataron asuntos como a axilización dos trámites para solicitar a dependencia ou a creación dunhas bases reguladoras para subvencionar o transporte do alumnado de Bacharelato ou FP a centros de Santa Comba ou Negreira.

20240807 Banha pleno ordinario xulho