A primeira tenente de alcalde reuniuse con deputadas do BNG, que presentará unha iniciativa parlamentaria para arranxar a situación 

 

20231121 Monica gonzalez Parlamento BNG

A primeira tenente de alcalde e concelleira de Acción social, cultural e servizos á cidadanía, Mónica González, reuniuse onte no Parlamento de Galicia coas deputadas do BNG Cristina Fernández e Iria Carreira para trasladarlles a problemática que están a xerar as obras no CPI San Vicente da Baña.

O retraso na execución destas obras está a provocar moitos problemas no desenvolvemento cotiá da actividade no centro, sobre todo en días de choiva, coa presenza de goteiras en algúns espazos. As deputadas comprometéronse nesta reunión a presentar unha iniciativa parlamentaria para que a Consellería de Educación axilice a finalización da reforma do centro.

Dende o Concello da Baña téñense solicitado reunións tanto co xefe territorial como coa propia Consellería de Educación para abordar a situación, que xera preocupación tanto entre as familias como entre o profesorado, pero ata o momento non houbo resposta por parte dos responsables do Goberno galego.

O pasado día 14 tanto o alcalde, José Antonio Pereira, como Mónica González mantiveron unha reunión no propio centro coa unidade técnica encargada de dirixir as obras para coñecer o estado das mesmas. En dita reunión, os técnicos coprometéronse a intentar arranxar as deficiencias máis graves o antes posible, aínda que advertindo que a continuidade dos traballos dependería de que mellorasen as condicións meteorolóxicas e deixase de chover.

Xa con anterioridade, o pasado 30 de outro, o alcalde e a tenente de alcalde estiveron presentes na concentración convocada diante do centro para protestar polo retraso nas obras.