• As reivindicacións do goberno local foron atendidas pola xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza 

  • O alcalde José Antonio Pereira, a concelleira Mónica González e varios facultativos reuníronse este luns con Eloína Núñez 

  • A responsable do Sergas amosou a súa disposición a tratar de mellorar o servizo de Pediatría no municipio 

20230905 Banha reunion Eloina nunez CENTRO SAUDE

As reivindicacións do alcalde da Baña para mellorar a atención no centro de saúde foron atendidas pola xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza. Nunha reunión mantida este luns con  José Antonio Pereira, a concelleira Mónica González e varios facultativos do centro médico, Eloína Núñez comprometeuse a cubrir de xeito permanente cun médico substituto a baixa de longa duración dun dos facultativos da Baña. Así mesmo, a responsable do Sergas sinalou que dende finais deste mes de setembro a matrona vai atender 2 días a semana no municipio.
 
Na xuntanza celebrada este luns no centro de saúde o alcalde puxo sobre a mesa os principais problemas que afectan á veciñanza. José Antonio Pereira subliñou a necesidade de cubrir as baixas e vacacións durante o período estival, que este ano provocaron atrasos continuos e derivacións de pacientes ás instalacións sanitarias de Negreira. Eloína Núñez comprometeuse a cubrir a baixa de longa duración que afecta a un dos tres médicos asignados no centro de saúde da Baña cunha substitución permanente. 
 
Este médico substituto incorporouse xa o pasado 29 de agosto, ao día seguinte de que o Concello fixera públicas as queixas do goberno local e de toda a veciñanza, como destacou José Antonio Pereira.
 
En canto á falta de pediatras, cun servizo que só conta con facultativo dous día á semana, a xerente  da área sanitaria transmitiu a súa disposición a tratar de buscar unha solución pese á falta xeralizada destes especialistas en toda Galicia.
 
O último dos puntos tratados nesta reunión foi a urxencia de ampliar a cobertura do servizo da matrona, que pasou na Baña de contar cunha especialista de xeito permanente a ter que compartila con Negreira dende a xubilación da anterior titular. 
 
Eloína Núñez tamén avanzou que dende a finais do mes de setembro a cobertura da matrona no centro médico pasará a ser de dous días á semana en vez de un como ata agora.