A cita é puntuable para o VII Circuíto Intercomarcal de Xadrez da Deputación da Coruña ||
A inscrición está aberta ata o sábado 16 de setembro ||
O pavillón municipal de San Vicenzo acolle o domingo 17 de setembro a segunda edición do Torneo de Xadrez Concello da Baña, unha proba puntuable para o VII Circuíto Intercomarcal de Xadrez da Deputación da Coruña. A competición é valedoira para ELO FIDE de xadrez rápido (sistema de cualificación da Federación Internacional de Xadrez).
O torneo disputarase entre as 11.00 e as 19.30 horas, momento en que está previsto o acto de clausura, baixo o sistema de xogo suízo, con 7 ou 8 rondas segundo o número de xogadores e xogadoras. O ritmo de xogo será de 10 minutos e os emparellamentos realizaranse mediante un programa informático que decidirán os máis de 20 premiados en total.
Haberá premios para os primeiros clasificados e diferentes galardóns atendendo ás categorías por idade dos participantes e para os tres mellores xadrecistas da Baña. Ademais, sortearanse un cheque regalo de Gadis e unha cesta de Frutas Fondo entre os non premiados.
A inscrición no II Torneo de Xadrez Concello da Baña está aberta ata o sábado 16 de setembro, un día antes da competición. Ten un custo xeral de 10€ e de 7 no caso dos participantes sub-16. Ademais, os xogadores e xogadoras locais pagarán 5€.
As inscricións pódense realizar no teléfono 617 234 393 ou no correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..
O torneo está organizado polo Club Xadrez Arteixo e conta co patrocinio do Concello da Baña e coa colaboración da Deputación da Coruña.