O Concello da Baña informa de que non é necesaria autorización municipal para facer as tradicionais cacharelas de San Xoán en recintos privados. Porén, aquelas asociacións veciñais ou colectivos que queiran facer as cacharelas en espazos públicos deberán solicitar un permiso (mediante sede electrónica) e presentar ademais un seguro de responsabilidade civil que cubra os posibles danos ocasionados no lugar da celebración.
A data límite para pedir a autorización é o mércores 21 de xuño de 2023. Só se permitirán as cacharelas en terreo público lousado, asfaltado ou pintado. Será obrigatoria a limpeza do espazo autorizado ao remate da actividade, inmediatamente despois de rematar a cacharela e/ou a sardiñada.
O Concello da Baña lembra ademais as normas de obrigado cumprimento para garantir o correcto desenvolvemento da celebración:
- As fogueiras deberán separarse como mínimo 15 metros das vivendas e 50 das masas árboreas ou zonas vexetais. Poñerase especial coidado de non situalas debaixo dos tendidos eléctricos ou telefónicos.
- A hora límite para rematar a celebración é as 03.30 h da madrugada, de acordo co disposto no art. 5f da Lei 10/ 2017 de 27 decembro de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia.
- Prohíbese a queima de neumáticos, plásticos, aceites, e en xeral calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico. En ningún caso se queimarán recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases de presión, incluidos os baleiros.
- Sobre terreos con vexetación herbacea, previo ó inicio do lume, farase unha devasa do material combustible nunha franxa de polo menos 9 metros de ancho, rodeando o perímetro.
- Será vixiada polas persoas responsables ata a súa total extinción, asegurándose de que as cinzas queden totalmente apagadas. No caso de que se levante o vento, suspenderase de inmediato.