• A proposta foi aprobada polo equipo de goberno na sesión desta mañá e comunicado de inmediato a Deputación por ser o último dia de prazo

  • Os concelleiros do PSdeG non asistiron ao pleno

  • Hoxe fíxose efectiva a dimisión de Mónica González como concelleira

  • Aprobada a pavimentación da estrada entre Vilar da Torre e Lañas e pedir unha subvención nominativa de 200.000 euros á Deputación da Coruña

O equipo de goberno da Baña, formada por Partido Popular e Compromiso, aprobou hoxe por unanimidade conxelar o recibo do lixo para o vindeiro ano, polo que o Concello non aplicará o incremento do IPC e a veciñanza pagará as mesmas cantidades que este ano. O acordo tomouse no pleno ordinario de hoxe, ao que non asistiu ningún dos tres concelleiros socialistas. Na sesión ratificouse o convenio de Atención Temperá con Santa Comba e fíxose efectiva a renuncia de Mónica González como concelleira da Corporación, que nos últimos meses formaba parte do grupo de non adscritos, tras abandonar o socialista. O Concello comunicará a decisión á Xunta Electoral Central, que se espera remita as credenciais do seguinte candidato na lista do PSdeG, Álvaro Silva Suárez. (vídeo do pleno neste enlace).

O goberno municipal da Baña tomou a decisión de non aplicarlle a subida do IPC á taxa de actividades e servizos relacionados coa hixiene urbana (o recibo do lixo) para aliviar a economía das familias “nun contexto de forte inflación e cunha subida do IPC de setembro a setembro do 8,9%”, explicou o alcalde. Deste xeito, a veciñanza da Baña pagará en 2023 a mesma cantidade que este ano polo recibo do lixo.

O a cordo tomouse por unanimidade do equipo de goberno nun pleno ao que non asistiu ningún concelleiro do PSdeG. O alcalde, Andrés García Cardeso, xustificou que o pleno ordinario de hoxe se celebrase ás 13.30 en vez de ás 20.00 horas para poder subir o acordo plenario á plataforma Ágora e poder beneficiar así ás familias. “Tras recibir o escrito da Deputación indicando que o 30 de novembro pola tarde se pechaba a plataforma, o pasado día 21 púxenme en contacto cos portavoces dos grupos políticos para celebrar o pleno pola mañá e que puideramos subir o acordo á plataforma pola tarde. O cambio de hora do pleno foi por causa de forma maior e para beneficiar á veciñanza”, afirmou Andrés García Cardeso. 

Rematado o pleno, comunicouse o acordo á Deputación para que entre en vigor de forma inminente.

Na sesión de hoxe tamén se aprobou o proxecto para pavimentar a estrada entre Vilar da Torre e Lañas, cun orzamento de 250.213,99 euros, e  solicitar unha subvención nominativa a Deputación da Coruña por importe de 200.000 euros, polo que o Concello deberá aportar 50.213,99 para executar a obra.

García Cardeso explicou que este expediente modificouse en varias ocasións para actualizar prezos e cumprir requisitos solicitados pola Deputación, e agarda que agora se poida executar. Esta obra vai mellorar a comunicación nun tramo entre Vilar da Torre e Paramos, que é de titularidade municipal (a estrada entre Seilán e Vilar da Torre é de titularidade da Deputación).

Tamén por unanimidade se ratificou o convenio de colaboración entre A Baña e Santa Comba para financiar o servizo de atención temperá. “Houbo que modificar o convenio varias veces”, explicou o alcalde, quen asegurou que, nestes momentos, na Baña non hai ningún neno en lista de agarda que precise deste servizo.

Así mesmo, deuse conta ao pleno da renuncia como membro da Corporación de Mónica González Blanco, que foi concelleira de Cultura co goberno socialista e se pasou ao grupo mixto hai uns meses. O Concello comunicará esta decisión a Xunta Electoral Central, e solicitará as credenciais do seguinte candidato socialista nas últimas municipais, Álvaro Silva Suárez. Cando chegue a documentación, e de aceptar o cargo, Álvaro Silva incorporarase á Corporación no pleno seguinte.

Aínda que non estaba presente ningún concelleiro socialista, o secretario considerou que procedía debater a moción presentada polo PSdeG solicitando que o Concello presente un contencioso administrativo ante o TSXG, no caso de progresar a autorización para a construción do parque eólico de Troitomil, e chegar ás últimas instancias para evitar que se constrúa este parque.

A moción foi rexentada polo equipo de goberno, argumentando o alcalde que “esta moción non se atén a realidade”. García Cardeso sostén que na resolución publicada no Diario Oficial de Galicia do pasado 22 de novembro a “aprobación da declaración de impacto ambiental está condicionada a que a empresa presente documentación complementaria e se cumpran os requerimentos que figuran no documento” (a resolución pódese ler na web do Concello da Baña neste enlace).

O tenente de alcalde, César Ramos, apoiou os argumentos do alcalde e asegurou que “se o grupo socialista non ven defender a moción ao pleno non vale a pena contestarlles”.

A concelleira de Igualdade, Lorena Trillo, informou ao pleno que dende o mes de xaneiro vanse desenvolver talleres de educación emocional e educación sexual dirixidos a familias e para todo o alumnado do CPI San Vicente,  dende educación infantil. “Seguiremos traballando todos os días para fomentar a igualdade e loitar contra a violencia machista”, dixo.

Lorena Trillo fixo este anuncio durante o debate da moción presentada polo PP con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, na que insta ao Concello da Baña a comprometerse a elaborar un estudo xurídico sobre as reformas que deberán implantarse, no ámbito das ordenanzas municipais, para que teñan perspectiva de xénero e así evitar discriminacións cara as mulleres nas políticas públicas locais e nos orzamentos.

A moción, que foi aprobada por unanimidade, pide no segundo punto que dende o concello se impulse e apoie a creación e continuidade de asociacións de mulleres como espazo de participación e empoderamento feminino e apoio a outras mulleres en risco de vulnerabilidade ou violencia de xénero. A proposta inclúe tamén peticións para o Goberno central e a Xunta de Galicia.

20221130 pleno Bana recibo lixo sen grupo socialista 1