O Concello da Baña lembra a toda a veciñanza que a limpeza das parcelas e o mantemento das franxas de seguridade non é unha recomendación, senón unha obriga legal establecida pola Xunta de Galicia, ao abeiro da normativa vixente en materia de prevención e defensa contra incendios forestais.

De acordo coa Lei 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, as persoas titulares de terreos deberán cumprir coas seguintes obrigas:

· Manter as parcelas limpas de maleza, silvas, toxos e calquera biomasa vexetal combustible.
· Garantir unha franxa de seguridade de, cando menos, 50 metros arredor de vivendas, edificacións, núcleos de poboación e instalacións, libre de vexetación perigosa.
· Dentro desa franxa, nos primeiros 15 metros, non poderá existir ningún tipo de vexetación arbórea nin arbustiva de carácter combustible.
· Eliminar expresamente as especies de alta combustibilidade, tales como eucaliptos, acacias e piñeiros, que están prohibidas nas franxas de seguridade.
· Xestionar adecuadamente os restos vexetais, evitando a súa acumulación nas parcelas.

Estas actuacións deberán estar realizadas antes do 31 de maio.

Infórmase á veciñanza de que o Concello realizará labores de inspección nas vindeiras se manas co fin de comprobar o cumprimento desta normativa. No caso de detectarse incumprimentos:

- Poderanse iniciar expedientes sancionadores, conforme á lexislación vixente.
- Procederase, se é o caso, á execución subsidiaria dos traballos, repercutindo integramente os custos ás persoas propietarias das parcelas.

Este bando emítese para dar cumprimento a unha normativa autonómica de obrigado cumprimento e para garantir a seguridade das persoas, das vivendas e do noso territorio.

Apélase á responsabilidade e colaboración de toda a veciñanza.

 

Attachments:
Download this file (Bando_260407_162121.pdf)7-4-2026: Bando da Alcaldía[ ]150 kB