• Nos tramos que pasan pola Baña das vías Portomouro-Santa Comba e Negreira-A Pereira o investimento será de 382.574 euros

  • Gonzalo Trenor presentou hoxe en Santa Comba o proxecto

  • As obras tamén beneficiarán aos municipios de Tordoia, Coristanco, Cerceda, Mazaricos e Negreira

  • As empresas interasadas poden presentar ofertas ata o 15 de xuño

20220520 Trenor presenta melloras estradas Bana3 2

delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polos alcaldes da Baña, de Coristanco, de Santa Comba e de Tordoia, anunciou esta mañá un investimento autonómico de 1,5 millóns de euros para levar a cabo obras de reforzo do firme nas estradas AC-400, AC-406 e AC-546. As obras que se realizarán nos tramos que pasan pola Baña da AC-406 (Santa Comba-Portomouro) e da AC-546 (Negreira-A Pereira) suporán un investimento de 382.574,21 euros.

A Xunta vai acometer o reforzo do firme encamiñado a restaurar ou mellorar as características superficiais do pavimentos naqueles treitos que presenten maior grao de deterioro.

Trenor destacou que estas importantes obras, que hoxe se licitan, suporán unha maior seguridade e comodidade aos usuarios que circulan por estas vías, moi frecuentadas, especialmente en temporada de verán. Estas obras, ademais, facilitarán a mobilidade aos habitantes dos municipios onde se realizarán as actuacións: Santa Comba, Tordoia, Coristanco, Cerceda, Mazaricos, A Baña e Negreira. 

O alcalde da Baña, Andrés García Cardeso, amosou a súa satisfacción porque estas obras sexan licitadas xa, “pois a mellora destas dúas estradas é unha reivindicación que ven facendo o Concello da Baña dende hai tempo”.

Os traballos que se van realizar están encamiñados á reparación, rehabilitación e reforzo superficial do firme, adecuándoo ás súas necesidades funcionais e de durabilidade.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe o anuncio da licitación deste contrato, cun investimento de máis de 1,5 millóns. As empresas interesadas na execución das obras teñen ata o vindeiro 15 de xuño para presentar as súas ofertas. Os traballos contan cun prazo de execución de seis meses.

Estas obras están incluídas no Plan de Reforzos de firme que está a desenvolver o Goberno galego desde o convencemento de que priorizar a conservación das estradas autonómicas e investir na súa mellora é “velar pola seguridade dos cidadáns e mellorar os servizos e a calidade de vida de todos os galegos”, subliñou Gonzalo Trenor.