O Concello da Baña, no seu compromiso coa defensa do medio ambiente e dos intereses da veciñanza, interpuxo o pasado 15 de decembro no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia un recurso contencioso-administrativo referido ao parque eólico de Troitomil.
Este recurso foi presentado en resposta á desestimación por silencio administrativo dun recurso de alzada interposto polo Concello o 28 de xuño de 2023 fronte á resolución de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, que outorgaba a autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ao proxecto do parque eólico Troitomil, promovido por Green Capital Power S.L. e situado nos concellos da Baña e Negreira.
Mentres non se resolva o recurso de desestimación, o Concello pide medidas cautelares para que non se aplique a resolución do 20 de marzo de 2023, que autoriza a construción do parque, co obxectivo de protexer os intereses da veciñanza.