- O programa ‘Composta! Transforma os teus residuos supón un investimento de 18.000 euros //
- Os contedores xa se poden solicitar chamando ao 682 859 367 ou escribindo a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. //
- Entregaranse nas charlas informativas que se desenvolverán en setembro //
Baixo o lema “Composta! Transforma os teus residuos”, o Concello da Baña investirá máis de 18.000 euros nun programa de compostaxe que repartirá entre a veciñanza un total de 130 composteiros domésticos totalmente de balde coa fin de converter en compost os restos de comida e follaxe que desbotamos no noso fogar. Nos composteiros poderanse botar restos de froitas e verduras, carne e peixe, pan, legumes, cereais, ovos, cunchas de moluscos, puos de café e infusión e panos e papel de cociña sen tinturas, ademais de follas, flores, raíces, restos das colleitas, herba, palla, restos de poda triturados, papel, cartón, cinza e serraduras de madeiras sen aditivos.
Os composteiros entregaranse durante as sesións informativas que se desenvolverán en setembro, e xa se atopa aberto prazo para facer as solicitudes. As persoas interesadas deberán chamar ao número 682 859 367 en horario de 8.00 a 14.00 horas ou mandar un correo electrónico a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo., indicando nome e apelidos, enderezo da vivenda onde se vai colocar o composteiro e un teléfono de contacto. Aínda que o programa está aberto a toda veciñanza, o Concello priorizará aos fogares que non se atopen preto da ruta de recollida do contedor marrón.
As veciñas e veciños que recollan os composteiros, recibirán tamén un manual de compostaxe e a visita de persoal técnico encargado do proxecto coa fin de supervisar o proceso e resolver dúbidas.
Por que compostar?
Concello da Baña lembra que algo máis da metade dos residuos que xeramos no fogar están compostos por restos de comida e restos vexetais de poda e horta. Toda esta materia orgánica pode ser reciclada por nós mesmos sen saír de casa e cun mínimo esforzo.
A compostaxe tradúcese en numerosos beneficios ambientais, sociais e económicos. Se o residuo non sae da casa xa non será necesario recollelo nin transportalo ata o punto de xestión, almacenalo e finalmente reciclalo. Aforramos emisións de CO2 do transporte e tratamento e o propio custo de xestionalo. Por outro lado, o produto final que obtemos é un fertilizante natural de excelente calidade con propiedades que melloran o solo e evitando a compra e uso doutros produtos químicos.
Os residuos orgánicos poden ser un grave problema medioambiental se non se xestionan correctamente. A súa descomposición sen control produce lixiviados (líquidos cunha alta concentración de materia orgánica) que contaminan solos, ríos e acuíferos e emiten gases de efecto invernadoiro como metano e dióxido de carbono.