- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Xuventude
- Visto: 2363
O próximo 7 de novembro a Comisión Europea pon en marcha unha nova edición da iniciativa DiscoverEU que outorgará billetes gratuítos para viaxar gratis por Europa.
DiscoverEU é un proxecto da UE destinado a axudar ás persoas mozas de 18 anos a viaxar e coñecer os países que forman a Unión Europea. A maior parte da viaxe debe facerse en ferrocarril, aínda que para dar o maior acceso posible a todos os lugares, os bonos de viaxe tamén incluirán modos de transporte alternativos como autobuses ou transbordadores. En casos excepcionais, e cando non existan outros medios de transporte, autorizaranse as viaxes en avión.
As viaxes deberán realizarse entre o 1 de abril e o 31 de outubro de 2020 e todos deberán ter unha duración mínima de 1 día e máxima de 30 días, e deberán comezar nun país que sexa Estado membro da Unión Europea.
Para poder ser admitido é necesario ter nacido entre o 1 de xaneiro de 2001 e o 31 de decembro de 2001, ambos inclusive, así como ter a nacionalidade dun dos estados membros da Unión Europea no momento da decisión de adxudicación.
Todos os candidatos que sexan elixidos para participar nesta iniciativa converteranse en embaixadores de viaxe de DiscoverEU, polo que deberán contar as súas experiencias de viaxe a través de redes sociais como Instagram, Facebook ou Twitter, utilizando a etiqueta #DiscoverEU
Esta iniciativa permite engadir ata catro amigos ao grupo de viaxe e combinar plans de viaxe con outros participantes do programa.
Se estás interesado/a en formar parte desta nova convocatoria de DiscoverEU, poderás inscribirte entre o 7 e o 28 de novembro de 2019, a través do formulario de candidatura online que estará dispoñible na páxina web oficial de DiscoverEU a partir desa data.
Para máis información, consulta a páxina de DiscoverEU.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Xuventude
- Visto: 1799
A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, e a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Turismo de Galicia poñen en marcha unha nova edición do programa “Xuventur”·
Trátase dun programa de actividades de educación non formal para desenvolver en aloxamentos turísticos de Galicia situados no medio rural, en estancias de fin de semana, que sirva tanto para a adquisición de competencias e habilidades por parte da mocidade como para fomentar o coñecemento da riqueza natural e patrimonial de Galicia, o coidado do medio ambiente e o ocio educativo.
“Xuventur” está dirixido á xente nova empadroada en Galicia que teña entre 18 e 35 anos no momento da solicitude e queira gozar dun programa de actividades de educación non formal nos espazos naturais da nosa Comunidade Autónoma. O programa ofrece distintas alternativas de participación gratuíta nos meses de outubro e novembro, cunha oferta total próxima ás 600 prazas, que inclúe:
- Aloxamento en establecementos rurais (noites de venres e sábado). A asignación de cuartos será de libre disposición, o que supón que haberá que compartir os que sexan de dúas prazas.
- Manutención completa dende a cea do venres ata o almorzo do domingo.
- Programa de actividades, equipo técnico responsable, así como o material preciso para o seu desenvolvemento (no suposto de mal tempo levaranse a cabo actividades alternativas).
- O desprazamento ata os aloxamentos vai por conta das persoas que participan, tanto o día de incorporación como o día do remate da actividade
Para máis información, visita a páxina web da Dirección Xeral de Xuventude.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Xuventude
- Visto: 7035
A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado organiza diferentes cursos nos Espazos Xove e centros dependentes desta dirección xeral de distinta temática relacionada co voluntariado e de formación en igualdade, ademais de convocar unhas xornadas de coaching profesional ao abeiro do proxecto Lidera. Estas actividades están dirixidas á mocidade galega e portuguesa de entre 18 e 30 anos. As inscricións deberán facerse a través da páxina web xuventude.xunta.es.
Os cursos de temática relacionada co voluntariado organizados pola Dirección Xeral de Xuventude divídense en tres liñas básicas de actuación: cursos de formación básica en materia de voluntariado, cursos de especialización en materia de voluntariado e formación específica en materia de voluntariado. Estas actividades contan con edicións en Santiago, Carballo, Noia, Tui, Ourense, Muíños, Viveiro, Lalín, Pontedeume, Ferrol, Vigo, Lugo, Vilalba, A Coruña, Pontevedra, Vilagarcía, Chantada e Betanzos.
No caso do curso de Formación en igualdade para a prevención e o afrontamento da violencia de xénero, os contidos dividiranse en catro módulos centrados na figura da persoa voluntaria no contexto da violencia de xénero, nos conceptos básicos en igualdade de xénero, nas orixes da violencia de xénero e nos recursos existentes, a prevención e afrontamento da violencia de xénero e as boas prácticas. As 10 edicións deste curso desenvolveranse en Santiago de Compostela, Vigo, Ourense, Lugo, Vilalba, A Coruña, Ferrol, Pontevedra, Vilagarcía e Betanzos.
Ademáis, a Dirección Xeral de Xuventude convoca unhas sesións de coaching, con edicións en Noia, Tui, Viveiro, Vilalba, Curtis, Betanzos, Ourense, Carballo, Vilagarcía, Lalín, Chantada, Pontedeume, para desenvolver nos espazos emprende incluídos no proxecto Lidera, co obxectivo de apoiar a xuventude no seu itinerario persoal e profesional coa formación en habilidades transversais que melloren as súas oportunidades de emprego e emprendemento.
As persoas destinatarias de todas estas actividades formativas son os mozos e mozas galegos/as e portugueses/as con idades comprendidas entre 18 e 30 anos. As inscricións faranse a través da páxina web xuventude.xunta.es seguindo os criterios correspondentes para cada curso.
Para máis información, preme nas seguintes ligazóns.
- Formación en voluntariado: http://xuventude.xunta.es/component/k2/item/17433
- Formación en igualdade: http://xuventude.xunta.es/component/k2/item/17438
- “Crea o teu camiño profesional”: xornadas de coaching co proxecto Lidera: http://xuventude.xunta.es/component/k2/item/17442
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Xuventude
- Visto: 1639
A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social promove o coñecemento, a formación e o ocio ao redor dos videoxogos a través da organización do primeiro torneo a nivel autonómico do coñecido xogo LOL (League of Legends).
Trátase dun proxecto pioneiro en Galicia que terá lugar nos 12 Espazos Xoves xestionados pola Administración autonómica, co fin de favorecer a participación de mozos e mozas da zona e da contorna próxima.
Neste programa poderán participar mozos e mozas de entre 18 a 30 anos, ambos inclusive, que se organizarán en equipos de 5 persoas, ata un máximo de 32 equipos.
Para máis información, visita a páxina web da Dirección Xeral de Xuventude.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Xuventude
- Visto: 2329
O vindeiro luns, 8 de xullo, abre o prazo de inscrición para asistir ao campamento de verán en Cabana de Bergantiños, organizado polo Concello da Baña. Un total de 40 nenos e nenas, con idades comprendidas entre os 8 e os 16 anos, poderán participar nesta actividade, que se desenvolverá na semana do 29 de xullo ao 4 de agosto no albergue desta localidade da Costa da Morte. As prazas outorgaranse por orde de inscrición e terán preferencia as persoas empadroadas ou pertencentes a unha unidade familiar empadroada no Concello da Baña.
Os interesados en participar deberán inscribirse antes do 17 de xullo no Concello da Baña e aboar o prezo da inscrición, que é de 100 euros polo primeiro fillo, 75€ polo segundo e 50€ polo terceiro e sucesivos. Inclúe transporte, estadía e manutención en albergue, así como os gastos que ocasionen as actividades programadas.
A ficha de inscrición pódese descargar no documento adxunto a esta nova.

