• A proba forma parte do calendario galego de trail running, sendo puntuable para o ranking absoluto, máster, Sub 23, Sub 20, Sub 18 e Sub 16 //

  • O grupo máis numeroso, de 111 persoas, estará formado polos atletas que compitan no minitrail de 16 quilómetros //

  • A andaina tivo tamén gran aceptación con 81 apuntados //

Un total de 300 persoas tomarán a saída o vindeiro domingo, 6 de outubro, no Trail da Baña, marcando un récord de participación nunha proba que por primeira vez forma parte do calendario galego oficial de trail running e, polo tanto, é puntuable para o ranking absoluto, máster, Sub 23, Sub 20, Sub 18 e Sub 16.

O Trail da Baña 2024, aberto a atletas de 12 anos en adiante, conta con catro modalidades: un trail de 28 quilómetros cun desnivel acumulado de 1.000 metros, un minitrail de 16 quilómetros cun desnivel de 650 metros, un trail promesa de 8 quilómetros e unha andaina non competitiva de 10 quilómetros.

As clasificacións específicas para as categorías Sub 16 e Sub 18 son outra das novidades da presente edición do trail. Estas persoas mozas competirán na proba de 8 quilómetros, na que participarán tamén todas aquelas persoas adultas que o desexen.

As distancias de trail longo contarán coas categorías sénior (dende 2006), máster 1 (persoas nadas entre 1989 e 1979), máster 2 (persoas nadas en 1978 e anos anteriores) e absoluta. No trail curto eastablécense as categorías Sub 20, Sub 18, Sub 12, sénior e absoluta. Haberá premios para os tres primeiros homes e as tres primeiras mulleres de cada categoría, así como para os tres primeiros clubs clasificados, os tres clubs con maior participación e os mellores atletas locais.

Puntuarán para o ranking galego as probas de trail longo de 28 quilómetros nas categorías Classic Sub 23, absoluto e máster. Na proba curta, de 8 quilómetros, quedarán rexistradas as marcas en Preclassic Sub 20, Sub 18 e Sub 16.

A saída efectuarase dende o pavillón de San Vicenzo a partir das 9.45 horas, cando comecen a correr os participantes no trail. Sairán logo o minitrail, ás 9.55 horas; e o trail promesas, ás 10.00h. A andaina poñerase en marcha cinco minutos despois, ás 10.05h.

O grupo máis numeroso, con 111 inscricións, constituirano os atletas que compitan no minitrail. A andaina contará, pola súa parte, con 81 participantes. No trail promesa tomarán a saída 58 persoas e serán 50 as que o fagan na proba absoluta.

Degustación con Ternera Gallega

Os dorsais, tanto para as distintas modalidades do trail como para a andaina, recolleranse o mesmo domingo na praza do Concello da Baña a partir das 8.15 horas. Ao finalizar a proba, todas as persoas participantes poderán desfrutar dunha degustación con produtos de Ternera Gallega, patrocinador oficial do Trail da Baña 2024.

O Concello da Baña recorda que, para garantir a seguridade e a boa marcha do trail, efectuaranse cortes puntuais nalgúns cruces durante o transcurso da proba e prégalle precaución a condutores e peóns que vaian transitar pola zona durante a mañá.

As persoas participantes no trail terán á súa disposición unha guía na que se recollen os distintos percorridos e os puntos de abastecemento, ademais dalgúns lugares de interese para visitar se queren prolongar a súa estadía na Baña. A guía pode descargarse tamén no documento adxunto.