• Lorena Trillo López tomou posesión como concelleira de Compromiso por Galicia

  • Aprobada a declaración institucional ‘Municipios contra o maltrato’

 

 

11 Lorena Trillo LopezLorena Trillo López incorporouse onte á Corporación da Baña despois de prometer o seu cargo como nova concelleira de Compromiso por Galicia. Na sesión ordinaria de onte tamén se aprobou a declaración institucional Municipios contra o maltrato.

Lorena Trillo substitúe a David Gontán, que presentou a súa renuncia no pleno do pasado mes de outubro. Tomou posesión onte como primeiro punto da orde do día e despois os portavoces dos tres grupos políticos na Corporación da Baña déronlle a benvida.

Na sesión tamén se aprobou a declaración institucional Municipios contra o maltrato, impulsada por Antena 3 Noticias e Fundación Mutua Madrileña, na que A Baña declara ser un municipio con tolerancia cero contra o maltrato ás mulleres. O Concello da Baña “protexerá as vítimas e colaborará coa Xustiza e a Policía a perseguir aos maltratadores. Realizará todos os esforzos que poida para evitar que neste municipio se produza ningún maltrato ás mulleres”.

Con esta declaración, e ademais da aprobación no pleno, o Concello da Baña comprométese a instalar un sinal co lema “Municipio contra o Maltrato Tolerancia Cero” nunha zona céntrica.

En caso de producirse unha vítima mortal de maltrato, o Concello declarará loito oficial e promoverá unha concentración popular de repulsa diante da casa consistorial. Ademais, A Baña realizará polo menos unha acción formativa dirixida á mocidade de forma anual colaborando cos centros educativos.

O Concello da Baña, na medida das súas posibilidades, realizará un programa de axuda laboral ás vítimas de maltrato.

No debate, o portavoz do PP propuxo incluír o maltrato dixital dentro da violencia de xénero. Unha medida que foi aprobada esta mesma semana por unanimidade no Parlamento de Galicia que inclúe a violencia dixital na modificación da Lei galega de violencia de xénero.

A declaración institucional aprobouse por unanimidade dos tres grupos políticos.

No capítulo de rogos e preguntas, tanto PP como Compromiso decidiron non formular ningunha. César Ramos recordou que dende CxG presentaron un escrito solicitando información sobre o control de aforo no salón de plenos, ao que respondeu o alcalde sinalando que o pasado 21 de outubro a Xunta declarou a finalización da situación de emerxencia sanitaria, polo que se anulaba a limitación do aforo. “Admitimos público ata completar o número de butacas do salón de plenos”, concluíu o alcalde, como fan outros concellos como Teo, Val do Dubra, Ordes ou Rois.
Vídeo íntegro do pleno neste enlace (preme aquí)