O Concello da Baña celebrou onte pleno ordinario no que se aprobaron definitivamente as bases reguladoras das axudas a autónomos, comerciantes e pequenas empresas para paliar os danos da covid-19. Na sesión, o alcalde e os portavoces de PP e Compromiso por Galicia agradeceron o traballo realizado como concelleiro por David Gontán (CxG), que onte asistiu ao seu último pleno antes de presentar a súa renuncia como membro da Corporación.
Co voto a favor do equipo de goberno (PSdeG) e do PP, e a abstención de Compromiso por Galicia, aprobáronse definitivamente as bases reguladoras das axudas para contribuír a minimizar o impacto económico e social da covid-19 entre os autónomos, comerciantes e pequenas empresas. Estas axudas serán financiadas con 30.000 euros de fondos propios do Concello.
Estas axudas divídense en dúas liñas. A primeira está destinada a complementar o PEL-Reactiva entre aquelas empresas que cumprindo cos requisitos establecidos pola Deputación da Coruña non recibiron estas axudas por falta de fondos. A segunda liña está destinada a impulsar a actividade económica e complementar as axudas xa outorgadas con anterioridade polo Concello da Baña no ano 2020. As bases foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia da Coruña o pasado 9 de setembro, e agora entrarán definitivamente en vigor. (Poden consultarse neste enlace)
O de onte foi o último pleno ao que asistiu o concelleiro de Compromiso David Gontán, que hoxe presentará formalmente a súa renuncia como membro da Corporación da Baña. Tanto o alcalde como os portavoces do PP, Andrés García Cardeso, como César Ramós (CxG) recoñeceron o traballo feito por Gontán durante estes dous anos como concelleiro na Baña e desexáronlle éxitos tanto na súa vida persoal como profesional.
No capítulo de rogos e preguntas, tanto PP como CxG solicitaron coñecer cantas persoas están matriculadas na Escola Municipal de Música e pola execución ou estado de diferentes obras.
O vídeo íntegro do pleno pódese ver neste enlace: https://youtu.be/cgp_tb_BmF0