-
O escrito foi presentado no rexistro esta mesma mañá, asinado polos sete concelleiros e concelleiras da oposición
-
A Lei electoral establece que o pleno para debater debe celebrarse o décimo día hábil seguinte á presentación
-
O portavoz do PP e ex alcalde José Andrés García Cardeso figura como candidato á alcaldía
Os cinco concelleiros do Partido Popular e os dous de Compromiso por Galicia presentaron esta mañá no rexistro do Concello da Baña unha moción de censura ao alcalde socialista José Antonio Pereira Gil. O candidato á alcaldía proposto na moción é o líder do PP e ex alcalde José Andrés García Cardeso.
Segundo recolle o artigo 197 da Lei orgánica 5/1985 do réxime electoral xeral, a moción de censura terá que debaterse nun pleno que se celebrará ás doce horas do décimo día hábil seguinte ao da súa presentación. Por este motivo, o pleno da Baña para tratar a moción de censura convocarase para o vindeiro 14 de decembro ás 12.00 horas.
A moción de censura, como recolle a Lei electoral, deberá estar firmada pola maioría absoluta dos concelleiros da Corporación. Neste caso ven asinada por 7 dos once concelleiros da Baña.
Está asinada, por parte do Partido Popular, por José Andrés García Cardeso, Alicia Blanco Sande, José Manuel Landeira Liñares, María Rosa Ramos Freita e Francisco Pérez Redondo. Por Compromiso por Galicia asinaron César Ramos Domínguez e Lorena Trillo López.